Os nomes da narrativa en corenta anos do máis antigo premio literario galego

En 1975 concedíanse por vez primeira os premios que hoxe levan o nome de Modesto Rodríguez Figueiredo, outorgados pola Fundación Pedrón de Ouro. A edición que pecha o prazo de presentación o vindeiro 15 de novembro conmemora o 40 aniversario da primeira convocatoria. 

Xosé Ignacio Taibo, primeiro gañador do premio
photo_camera Xosé Ignacio Taibo, primeiro gañador do premio

Os Modesto Figueiredo de narrativa curta chega este ano ao seu 40 aniverario consolidándose como os máis antigos dos certames literarios que seguen activos. En 1975, o galardón, convocado como Concurso de Narracións Curtas Pedrón de Ouro entregaba os seus primeiros premios mais a morte de Modesto Rodríguez Figueiredo, vicepresidente do Pedrón de Ouro, fixo que, á maneira de homenaxe, o concurso pasar a levar o seu nome. 

Xoán Ignacio Taibo (na foto) convertiríase con “A enquisa” no primeiro gañador en 1975 do que había de ser unha longa nómina pola que, tanto polo primeiro premio como polos accesits, habían de pasar os principais nomes da nosa literatura. Nese mesmo ano inicial, os accésit habían de deparar grandes sorpresas. Descubrían entre os concursantes o nome de Xosé Luís Méndez Ferrín con “Sibila”, de Xosé Manuel Martínez Oca con “Un home no curral” e de Carlos Durán con “O internado”. 

O gañador do primeiro pasou a accésit na segunda edición, co relato “O leito (esbozo para unha historia que nunca existiu)”. Levárase o premio nesa ocasión Xavier Alcalá con “A fundición” mentres  Xosé Manuel Martínez Oca con “No fondo do espello”, a Xavier Rodríguez Barrio con “Chegaron as chuvias” obterían os accesits. 

Tantos nomes, tantos relatos

Os principais nomes da literatura galega foron agromando, a seguir, nas seguintes convocatorias. Rei Ballesteros, Agustín Agra, Enma Pedreira, Antón Lopo, Rosa Aneiros, Luís González Tosar, Inma López Silva, Antón Riveiro Coello, Helena Villar Janeiro, Manuel Riveiro Loureiro, Xosé Luís, Santos Cabanas, Alfonso Álvarez Cáccamo, Xelís de Toro, Darío Xohán Cabana, Margarita Ledo Andión, Tucho Calvo, Miro Villar, Lino Braxe, Xosé Vázquez Pintor, Xosé Díaz, Xosé Monteagudo, Francisco Castro, Miguel Anxo Fernán Vello, Bernardo Maiz, Ramiro Fonte, Anxos Sumai, Román Raña, Liñares Giraut, Xoán Tallón, Inma López Silva, Carlos G. Reigosa, Manuel Lourenzo González, Ramón Nicolás, Xosé Miranda ou Antón Cortizas aparecen na ampla listaxe de premios e accesits do concurso literario que chega agora ás catro décadas de historia. 

O vindeiro 15 de novembro remata o prazo para a entrega dos orixinais que se presenten á convocatoria. Á corenta edición do Certame Nacional Galego de Narracións Breves “Premio Modesto R. Figueiredo” poderán concorrer traballos de entre cinco e trinta páxinas e a obra gañadora será premiada con 1.000 € aínda que, de o xurado decidir, pódense establecer segundos  premios de 400 €, A entrega desenvolverase nun acto organizado polo Concello de Catoira, colaborador do premio. 

Comentarios