Nomear a Terra con palabras do Ceo

A toponimia de cada territorio reflicte a súa historia e a nosa, a toponimia e a historia, está moi vinculada ao poder relixioso.

Tres cruceiros
photo_camera Calvario, en Beade (Ourense)


A relación entre o poder relixioso e a toponimia é un fenómeno ben coñecido e a haxiotoponimia, unha semente fecunda na denominación de moitos lugares que eran simbólicos para a poboación antes da chegada do cristianismo. Moitas veces a cultura cristiá non fixo máis do que recoller aqueles lugares xa marcados polos nativos como puntos de interese na súa vida cotiá e sobrepor o nome dun santo ou outro símbolo relixioso. En moitos deses lugares de interese está hoxe unha capela, unha igrexa, un cemiterio ou un cruceiro. Ou unha referencia inmaterial.

De Cruceiros e Calvarios

Topónimos que evocan símbolos ou construcións relixiosas hai abondos. “Onde hai un cruceiro houbo sempre un pecado, e cada cruceiro é unha oración de pedra que fixo baixar un perdón do Ceo, polo arrepentimento de quen o pagou e polo gran sentimento de quen o fixo” escribe Castelao. Pois moitos pecados debeu haber para termos tantos cruceiros, non xa os feitos de pedra e chantados na terra que tan ben describiu Castelao, e dos que se calcula que poden existir máis de 12.000. Tamén falamos de moitos outros que xa non están, pois mesmo a pedra sucumbe ás ladroeiras burguesas para pór un cruceiro ao lado da piscina do chalé. Non están mais deixaron pegada no lugar: hoxe perto de 500 entidades de poboación locen o nome de Cruceiro quer sós quer en sintagma aclaratorio: Cruceiro de Ro.

calvarioMenos abundante do que Cruceiro é o topónimo Calvario, como menos numerosos son estes agrupamentos de cruces.  Hainos magníficos. Particularmente un dos que máis gosto é o de Beade. Esas tres cruces recortadas sobre a tarde sombría, dominando as viñas que descen até o Avia evocan novamente as palabras de Castelao: “Reparade nos cruceiros e descubriredes moitos tesouros”.

Continuando con este repaso a topónimos que evocan construcións relixiosas temos A Abadía, máis de 20 lugares con esa denominación por toda a Galiza; A Capela, só ou en sintagma evocador do santo ou santa titular, con varios centos de denominacións. Hai cinco que fan referencia á casa reitoral e perto dun cento á presenza do poder dos monxes (O Mosteiro).

Mais, sen dúbida, a construción que máis nomes de lugar deixou é A Igrexa. Máis que O Pazo, O Castro ou O Vilar. A Igrexa é, sen contar as variantes, o nome máis repetido, moito por enriba dos 500. É tan numeroso que mesmo un periódico español ficou alarmado de que un topónimo escrito en galego encabezase a lista dos 30 máis repetidos no Estado. E o caso é que entre os 30 só había un en español!!!

Haxiotoponimia

Todo vocábulo do léxico relixioso convertido en topónimo, advocación de igrexas ou puntos xeográficos concretos que reciben nomes de santo, ou mesmo as palabras que designan propiedades das institucións relixiosas (O Igrexario, por exemplo, con case 300 denominacións de lugares) recibe o nome de haxiotopónimo. Xa vimos máis na cima algúns casos, referidos sobre todo ao mundo material. Mais tamén os hai referidos á crenza ou a seres da mitoloxía cristiá. Os Milagres aparece en case dez entidades de poboación; Os Ánxeles en máis de 5. O Espírito Santo voa por máis de trinta lugares da Galiza e O Cristo ou A Ascensión dan nome a outros vinte. O Inferno, O Purgatorio. O Ceo. Nomes de outro mundo para nomear este. E para dar máis veracidade, os de Piñor denominaron unha aldea como O Reino.

Da Cancela do Espírito Santo á Piscina dos Ánxeles

Frecuentísimos son os topónimos que reproducen simplemente nomes do santoral: Santa Tegra, Santa Baia, Santa Irene, San Marcos, San Tomé .... ou que indican vías para lugares de culto: o Camiño da Misa, a Canella do Calvario,

Hainos verdadeiramente evocadores, que dan para soñar toda unha tarde. Alberto Caeiro, o guardador de rebaños de Pessoa, descrebeu o Espírito Santo como “uma pomba estúpida / A única pomba feia do mundo / Porque não era do mundo nem era pomba” mais non foi capaz de o imaxinar pousado nunha cancela, gardando a agra, como fixeron os veciños de Morás, en Arteixo, ao falaren da Cancela do Espírito Santo coa mesma naturalidade que falan da Cancela da Eira.

Os Milagres do Medo, en Baños de Molgas. A Piscina dos Ánxeles. A Veiga das Ánimas ... Maneiras que temos de falar da Terra.

Comentarios