O galardón recoñece o mellor texto teatral da última década

'Nome: Bonita', de Vanesa Sotelo, premio Mondoñedo 10 de teatro

Para o xurado do premio Mondoñedo 10 na modalidade de teatro, Nome: Bonita, de Vanesa Sotelo, é a mellor peza dramática galega dos dez últimos anos. “Revela unha voz dramática moi sólida caracterizada por un lirismo que entronca coa dramaturxia do mindoniense Álvaro Cunqueiro”, sinala o fallo.
 

Vanesa Sotelo_FOTO_CV_BN
photo_camera A dramaturga Vanesa Sotelo. Foto: cedida.

Os premios Mondoñedo concédeos a Asociación As San Lucas en colaboración co colectivo Mondoñedo É... “co obxectivo de estabelecer vínculos permanentes entre a cidade e o concello que lles dá nome coas mellores obras de creación cultural”. Na primeira convocatoria, Os libros arden mal (2006) de Manuel Rivas foi distinguida como mellor obra de narrativa. Na segunda, Hordas de escritura (2008) de Chus Pato como mellor obra de poesía.

Nome: Bonita manifesta o valor testemuñal ao respecto das mulleres represaliadas ao longo da historia”, engade o xurado, “nun entrecruzamento de linguas e culturas, a partir da figura da cagançeira brasileira”. Identidadem memoria e ecoloxía, resume.

A obra data de 2014. Sotelo (Cangas do Morrazo, 1981) é agora directora de Erregueté. Revista Galega de Teatro e autora de textos teatrais como Estigma, Campo de covardes ou O retrato da Sibila.

O xurado do premio conformárono o escritor Antonio Reigosa, as profesoras Olivia Rodríguez e Dolores Vilavedra, o dramaturgo Afonso Becerra, o actor Antonio Salgado, Tareixa Campo da Asociación Galega de Editoras, Diego Vázquez da Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas e Francisco Piñeiro, do Concello de Mondoñedo.

A entrega do galardón será o domingo 21 de outubro ás doce e media no auditorio Pascual Veiga da vila.

Comentarios