As 'Noites de Florencio' honran a Delgado Gurriarán en Vilamartín

Vilamartín de Valdeorras programa un ciclo especial para lembrar a figura de Florencio Delgado Gurriarán, que levará ao concello actividades de teatro, cine, música e poesía.

O activista e artista Anxo Baranga lendo textos de Delgado Gurriarán ao carón da súa escultura en Córgomo. (Foto: Nós Diario).
photo_camera O activista e artista Anxo Baranga lendo textos de Delgado Gurriarán ao carón da súa escultura en Córgomo. (Foto: Nós Diario).

Este sábado, 2 de xullo, comeza en Vilamartín de Valdeorras o ciclo “As noites de Florencio”, unha programación cultural para lembrar a figura de Florencio Delgado Gurriarán na que haberá teatro, música, cinema e poesía.

O epicentro do programa será a Aira dos Bolos de Córgomo, mais chegará tamén a diferentes parroquias do concello. 

 

O sábado 2 de xullo comeza un obradoiro de teatro para a rapazada dirixido por Amparo R. de Dios que durará varias sesións. O día seguinte, 3 de xullo, chegará a Córgomo Cándido Pazó co seu espectáculo Eu non digo nada, ás 20 horas.

Realizaranse actividades cada fin de semana, con espectáculos como Florencio sen fronteiras da compañía Arraianos, as Cantarenas na noite de Paco Campos, Furia necesaria de Aldaolado ou Galego pode selo calquera a cargo de Alberte Montes.

Participan tamén artistas locais como Fátima Delgado, Jorge Moral ou Anxo Baranga que chega con dous espectáculos a cargo da Agrupación Teatral Furafollas, e un interesante serán poético a cargo do Colectivo Barulla o 28 de xullo. 

Comentarios