Resgatamos un texto de Manuel María para despedírmonos de 2016

A noite de San Silvestre

Sermos quer despedir 2016 da mellor maneira, coa publicación un texto do grande poeta nacional Manuel María (1929-2004), un dos protagonistas indiscutíbeis do ano na súa condición de escritor homenaxeado co Día das Letras Galegas. Rendemos este modesto tributo grazas á xenerosidade da Fundación Manuel María que disponibilizou para este diario un texto publicado polo autor de Muiñeiro das Brétemas en 1997.

Manuel María, á beira do Miño en Outeiro de Rei. Maio de 1994.
photo_camera Manuel María, á beira do Miño en Outeiro de Rei. Maio de 1994.

REMATAMOS un ano. Estamos, como quen di, ás portas dun novo século. Sentímonos inquedos e inseguros. Cada século trae un xeito de vida diferente e unhos valores distintos. Cavílese o que supuxo o tránsito do século XV ó XVI: nada menos que pasar da Idade Media ó Renacemento, de padecer o señorío feudal a sufrir o poder real. Ou, mais recentemente, a siñificación do século XVIII, gobernado pola Razón --con maiúscula-- e a do século XIX dominado pola Paixón e polo individualismo. Iñoramos as sorpresas que nos pode traer o século XXI. Temos a impresión de que nós vivimos unha cultura e unha civilización distinta das que vivirán os nosos sucesores. Non sabemos se mellores ou peores. Pero sí diferentes.

Lembramos vagamente a nosa avoa paterna, nacida no século pasado. Mentras ela viviu o día de Noiteboa, na casa petrucial das Hortas de Outeiro de Rei da Terra Cha, na cabeceira da mesa de levante, na cociña, aínda de lareira, poñíase un servicio --de louza da Cartuja de Sevilla-- para as almiñas dos defuntos da familia. Nosa nai xa non cumpliu ese fermoso ritual hoxe perdido. Xa non se cea diante da gran de lumareda da lareira. Todo mais pódese cear diante dunha chaminé no mellor dos casos. A xente tampouco acode a Misa do Galo. Quédase pasmada ollando pró televisor. Non sabemos o que farán nen como celebrarán estas festas dentro de cen anos. A verdade é que tampouco nos preocupa demasiado.

O derradeiro día do ano a Eirexa conmemora a festividade de San Silvestre. Entre nós ese santo non é moi celebrado. Polo que sabemos en Galiza é titular de cinco parroquias, cando Santiago é o padroeiro de duascentas setenta e sete, San Pedro de trescentas vinte e duas e Santa María --que leva a palma-- de setecentas noventa e unha. De San Silvestre só conocemos o dito de "San Silvestre, ¡meigas fora! do que se fai eco unha cántiga popular:

¡San Silvestre meigas fora!

Non me digas eso nena.

¿Cando me ocupei de tí

pra falar desa maneira.?

San Silvestre foi papa... Viviu entre os séculos III e IV. Bautizou ó emperador Constantino e a sua muller e convocou o famoso Concilio de Nicea. Como todo o mundo sabe o emperador Constantino, co famoso e histórico Edicto de Milán do ano 313, reconoceu oficialmente a Eirexa Católica. Despois dese reconocemento San Silvestre, según contan os seus biografos, apresurouse a derrubar templos paganos e, coa axuda do emperador Constantino, no seu lugar, fixo erguer eirexas. Entre os seus milagres cóntase o da resurreción dun touro bravo morto por un mago xudeu, feito que sempre nos chamou a atención polo símbolo do touro, "mentido robador de Europa"; lémbrese ó exicio boi apis, ó presente no nacemento de Cristo e atributo dun dos evanxeístas. Outro dos seus milagres refírese a Constantino. O emperador estaba atacado de lepra. Os médicos paganos dixéronlle que o único remedio para a sua curación era tomar un baño de sangue de nenos. A Constantino arrepioulle a receta. Tivo un soño no que se lle apareceron dous petrucios e aconséllaronlle chamara a San Silvestre, o único capaz de libralo da lepra do corpo e da alma. Conducido San Silvestre ante o emperador descubriulle que os dous petrucios eran os apóstolos Pedro e Paulo. San Silvestre bautizou a Constantino. Contan as actas do santo e a tradición que o emperador, ó recibir as augas bautismais, quedou libre da lepra da alma e do corpo.

Nós non sabemos se San Silvestre tivo relación con meigas e bruxas. En Galiza esiste a creencia de que, a noite de San Silvestre, as meigas xúntanse na Serra do Xistral, entre Mondoñedo e o mar e fan o reparto de moscas para todo o ano. Sexa como sexa a noite de San Silvestre, xuntamente coa de San Xohán e a de San Lourenzo, forma a trioloxía das noites máxicas do ano.

Modernamente a noite de fin de ano celébrase dun xeito moi mundano e frívolo: con grandes ceas e bailes que se alongan deica a madrugada do primeiro de ano. Noite que se vive fora do fogar. A xente, nesa data, mais que cos familiares xúntanse cos amigos, maiormente os mozos ós que a familia tradicional e as suas celebraciós tráenos completamente sen cuidado ou esa, polo menos, é a nosa impresión. 

Rematamos con estas palabras que cantaban os nosos, devanceiros:

Despedidas de ano vello,

entradiñas de Aninovo,

os señores desta casa

as conten con grande gozo.

Polo sí ou polo non, para darnos ánimo, non podemos por menos de berrar: "San Silvestre, ¡meigas fora!".

[Este texto viu a luz por vez primeira en El Correo Gallego, 1997/12/30]

Comentarios