Unha noite no MARCO, chega o ALT

Pasar unha noite no muiño non é nin arty nin alternativo. E nun museo? Iso propón o ALT '16, o  Festival Alternativo das Artes Escénicas, que resiste en Vigo e se celebrará do 9 ao 13 de marzo. 

IVAM_2015
photo_camera “Que pasa cando non pasa nada?” no IVAM en 2015

“Que pasa cando non pasa nada?” é o título desta proposta, que consiste en reunir, a través dunha convocatoria aberta, a un grupo de persoas para durmir e pasar o tempo nunha das salas do museo durante o seu horario de peche, desde as 21.00 do sábado até as 11.00 do domingo.

A experiencia realizouse en 2015 na Sala de Teatro Inestable de Valencia e no IVAM, Institut Valencià d’Art Modern, da man dos artistas Vicente Arlandis e Sandra Gómez. E explícano así: “Neste proxecto queremos pasar unha noite no museo. Durmir, falar, comer, bailar. Habitar un estado de semi-ficción, de divagación mental, de bricolaxe imaxinaria. Isto é un convite a deterse, acampar, pararse, deitarse e ocupar un lugar no espazo simbólico do museo. Habitar por unhas horas a máquina, parar por unha noite o mecanismo e durmir na súa engrenaxe”. [Información sobre como participar, aquí]

ALT '16

Regresa a Vigo, non sen moitos problemas, o Festival Alternativo das artes escénicas ALT'16, que terá lugar do 9 ao 13 de marzo, en distintos espazos: Auditorio Municipal do Concello, Casa das Artes e salón de actos do MARCO. 

O programa do ALT'16 contará coa participación de artistas galegos, así como de  Madrid, Cataluña, Bélxica, Suiza, Andalucía, Valencia, Austria e Canarias; contará con estreas a nivel nacional como Vértebro Teatro, La sauna internacional e Vicente Arlandis, e Sonia Gómez&Javier Caro, así como a presentación en Vigo do último traballo da compañía galega máis recoñecida como é Matarile Teatro, con “El cuello de la jirafa”. Ademáis, presentará dúas estreas internacionais: Wooshing Machine, de Bélxica, e Iris Heitzinger&Editta Braun Company, de Austria.

En total serán dez compañías, entre elas varias residencias de traballos específicos para o festival, o que quere dicir que os/as artistas veñen uns días antes da súa actuación á nosa cidade para finalizar o seu proceso creativo, como é o caso de Louisa Merino, Mercé de Rande e Societat Doctor Alonso.
 

Comentarios