Dioivo presenta o seu último disco

Noite de metal extremo en galego

É un dos xéneros máis extremos das músicas pop. Denomínase black metal e deriva do heavy a forza de voces guturais e noise minimal. En Galiza e en galego conta con practicantes. Tres deles ofrecen un concerto este sábado, 29 de decembro, no Pub Transylvania de Vigo: Dioivo, Lóstregos e Mileth.
 

dioivo - foto romasanta
photo_camera O dúo vigués de 'black metal' en galego Dioivo. Foto: Romasanta.

A escusa da cita é a presentación do primeiro disco longo de Dioivo, dúo vigues de guitarra -Jacobo Mouriño, tamén vocalista- e batería -Daniel Valladares-, de título II. Canda eles actuarán outras dúas bandas, os coruñeses Lóstregos e mais Mileth, en cuxas fileiras conviven músicos vigueses e de Burela, na Mariña.

Ademais, haberá “unha enchenta de colaboracións”. En concreto, pasarán polo escenario membros da escena galega procedentes de proxectos como Dantalion, Xhamain, Sans Soleil, The Savage Pears ou Second Chances.

dioivo_v10

A discográfica andaluza Darkwoods encárgase da edición de Dioivo II. O primeiro elepé do dúo black metal sucede a dous EP e un single, dispoñíbeis en dioivo.bandcamp.com: Dioivo (2016), O Espertar (2017) e Sempre Pola Morte Esperas (2016). Este último emprega como letra o célebre poema de Rosalía de Castro, na que talvez sexa a máis singular das versións realizadas até agora a partir dos textos da poeta.

O concerto, que tamén quere ser unha “homenaxe” ás bandas da tendencia que cantan en galego, será ás 21.00 horas e a antrada custa cinco euros.

Comentarios