Unha noite máxica nunha Galiza encantada

Lume e auga son os elementos principais para facer da de San Xoán a noite máis máxica do ano. Buscamos as tradicións para quitar o meigallo e procurar un futuro luminoso. "Galicia Encantada", o proxecto promovido polo escritor Antonio Reigosa, danos as claves dunha festa que se conmemora en todo o territorio galego. 

fogueira cacharela san xoan coruña
photo_camera fogueira cacharela san xoan coruña

Unha noite máxica para un país encantado. O proxecto “Galicia encantada”, a Enciclopedia de Fantasía Popular de Galicia, promovida polo escritor Antonio Reigosa achéganos a tradicións e ritos que acompañan unha xornada para non desaproveitar. Poucas ocasións se presentan tan acaídas para botar de riba o mal de ollo  e poñer toda a vontade en darlle unha volta a un presente cincento. Alá imos a saltar o lume, procurar nove ondas, lavar a cara con auga da noite ou facer un roteiro nocturno polas fontes … todo é pouco se a noite dá para mudar o futuro. 

Informantes de todas partes contribúen a que a Enciclopedia da Fantasía Popular de Galicia vaia nutríndose de tradicións que acompañan a noite de San Xoán. Herba luísa, santa maría, espadana, ruda, castiñeiro, nogueira, romeu... son algunhas das herbas que se deixan nunha tina con auga a coller o orballo da noite para aproveitar as propiedades milagreiras pola mañá, como contan en San Xoán de Culleredo. As herbas purificadoras tiñan en Navia de Suarna outra práctica. Sabugueiros, herba de San Xoán e a artemisa colocábanse en portas e ventás para escorrentar as meigas nas aldeas do concello. 

"Fóra meigas"

Saltar a fogueira para se purificar co lume é práctica de todo o territorio e tamén en Castrolandín, onde o lume serve tamén de contacto coa cultura dos mouros que reside no interior da terra. A fogueira préndese despois de media noite mais antes colócanse pólas espetadas con piñas arredor do castro que logo se acenderán con fachos nunhas tradicións que, como o forno no que cocen pezas de cerámica, se está a recuperar. 

“Fóra meigas” é o berro que se repetía no concello de Cervantes para saltar a fogueira na medianoite como relata un informante a Galicia Encantada. De carácter singular é a práctica que se seguía en Vilar de Moia, en Navia de Suarna, onde a veciñanza acendía unha cacharela entre Vilar e Moia, “como símbolo para recalcar a personalidade dun pobo fronte ao outro cun marcado carácter fixador de límites simbólicos-sociais”, sinala Xabier Moure en “Galicia Máxica”. No concello, en Savane, as fogueiras situábanse nos cruces de camiños para que o gando curara o mal dos pés ao pasar por riba.

Nove ondas, na Lanzada

Os efectos milagreiros do baño das nove ondas no areal da Lanzada está xa a proba de toda dúbida. Dependendo da temperatura custa máis ou menos introducirse nas frías augas do Atlántico para procurar a fertilidade, rito sanador que a tradición reservaba para as mulleres, sufridoras tamén na máxica noite dos bos desexos. 

Carros e cancelas están agora xa máis ao cuberto da noite na que, en especial os mozos, procuraban por toda a aldea enseres para cambiar de lugar e deixalos, en calquera lugar, en especial, amoreados no adro. Era o peor dos amañeceres da noite de San Xoán, cando a casa estaba aberta e o carro desaparecera coa tradicional brincadeira á que non se lle coñecen maiores efectos purificadores. 

Comentarios