Noite de defuntos ou samaín?

No semanario Sermos Galiza, que atoparás este sábado os quiosques ou para a súa lectura na nube acompañando Nós Diario, poderás aprender máis sobre o nome co que deberíamos chamar a noite do 31 de outubro: o comercial Halloween, o celta Samaín, Defuntos ou noite dos mortos? Cóntanolo Uxía Castro. Tamén atoparás una reportaxe de Montse Dopico sobre a posíbel creación dunha rede de compañías residentes nas principais cidades e vilas do país, un dos vellos debates que, de forma recorrente, se reactivan na escena teatral galega. E Lois Alcayde Dans entrevista o pintor, ilustrador, escultor, cartelista e debuxante Manuel Quintana Martelo.
smg3110samain

Antes de que por influencia estadounidense chegase á nosa sociedade a festa coñecida comercialmente como Halloween, na Galiza xa se celebraba a véspera do primeiro de novembro. Desde os anos 90, grazas ao mestre de Cedeira Rafael Loureiro, colexios, colectivos e asociacións reivindican a nosa tradición baixo o nome celta de Samaín. Mais, que tan galego é ese termo? Certamente, non hai vestixios de que ese nome se usase no país para denominar esta data concreta.

A elección da palabra gaélica Samaín foi sen dúbida cun ollo posto na celebración irlandesa, que pon en valor as orixes celtas desta festa. Dun modo ou doutro, todos os países atlánticos e celtas conmemoran neste día o inicio do ciclo da invernía. Os costumes alén do nome Para Rafel Quintía, antropólogo e presidente da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA), o importante desta noite debería ser "non perder de vista a relación única e estreita que temos na Galiza coa morte". Así, indica que máis aló do nome —a estadounidense Halloween, a celta Samaín, ou as formas relixiosas galegas Defuntos e Todos os Santos ou a pagá Noite dos Calacús— o que realmente ten valor desta data é a lembranza dos antepasados". Que, "por desgraza, está a perderse", lamenta.

Aclara Quintía que "non quere dicir que ti non te poidas lembrar dos teus todo o ano, pero as culturas necesitan ritos", co fin de crearen unha identidade colectiva. "O feito de que un día ao ano ou dous exteriorices e ritualices a lembranza dos antepasados, visibiliza esa relación cotiá que hai na Galiza coa morte", explica. "Non é unha noite para disfrazarse, nin unha noite de terror", insiste o antropólogo, "é unha noite para lembrar e ter presente a quen está do outro lado, e que segue a ter vínculos connosco, pois na nosa cultura a morte non rompe ese lazo". Conta o tamén antropólogo Xosé Ramón Mariño Ferro que antigamente as historias de aparecidos e defuntos tiñan unha dobre función: por un lado, amosarnos que existe vida alén da morte, e, igualmente, unha función pedagóxica: "mostrarnos que premios e que castigos recibe a xente no outro mundo, segundo o comportamento que tivo neste".

A Santa Compaña e o Purgatorio

Así, e malia que a figura do defunto é, no caso galego, próxima a quen visita —normalmente trátase de familia ou amizades— non sempre teñen por que ser imaxes inofensivas. "Temos mortos ou defuntos de todas as categorías porque están reflectindo condutas terrenais e a respectiva penitencia ou recompensa na vida despois da morte", esclarece Mariño Ferro. "A Santa Compaña, en realidade, non é máis que o Purgatorio, tal e como o entendía a nosa tradición", engade.

"Na tradición europea", desenvolve Xosé Ramón Mariño Ferro, "o concepto do Purgatorio aparece no século XII mediante dúas imaxes: un lugar parecido ao inferno, onde son queimadas as almas, que se purifican temporalmente a través do lume, e unha penitencia, camiñando por este mundo, como cando fas peregrinación a un lugar sagrado". Continúa o doutor en Antropoloxía, puntualizando que "exactamente iso é a Santa Compaña, pero despois de morto". Quen non se purificou neste mundo ha de purgar os seus pecados no outro.

"O exemplo máis claro é ir a Santo Andrés de Teixido, ou o propio Camiño de Santiago", di Mariño Ferro, para agregar, "esta crenza existe en moitos outros puntos do Estado español, así como en Italia ou no norte de Portugal, desde onde aínda peregrinan a Compostela para limparse de impurezas". 

Lembra que podes ler todos estes contidos no Sermos Galiza que acompaña todos sábados Nós Diario. Podes atopalo nos quiosques, na tenda ou para a súa lectura na nube. Se aínda non es subscritora ou subscritor podes inscribirte nesta ligazón.

Comentarios