Noite branca, exposición en negro e portas abertas para conmemorar o décimo aniversario do MARCO

Abría o MARCO no edificio do antigo cárcere de Vigo e o Prestige embarrancaba na costa galega, todo na mesma noite de treboada. Esta fin de semana, para conmeorar o décimo aniversario o Museo da rúa de Príncipe abre ate madrugada nun fin de semana de actividade para conmemorar o seu décimo aniversario, arredor da exposición “A Balea Negra”.

 

Imaxe da exposición Balea Negra.
photo_camera Imaxe da exposición Balea Negra.

O MARCO empezaba co pé cambiado, coa exposición de Atlántica, unha das máis polémicas da nosa arte. Xa na noite da súa inauguración, no antigo cárcere de Vigo, a treboada caia dentro e fóra, co malestar de boa parte dos artistas de Atlántica por non se sentiren recoñecidos na mostra que abría o centro daquela dirixido por Carlota Álvarez Basso. A non moitos quilómetros ao norte, o Prestige comezaba o seu deambular anunciando o que sería a maior traxedia ecolóxica da nosa historia. Dez anos despois, os dous acontecementos vólvense unir a través da exposición “A Balea Negra” con máis de cincuenta propostas artísticas para rememorar o acontecemento.

O 13 de novembro de 2002 inaugurábase o Museo de Arte Contemporánea de Vigo e un petroleiro chamado Prestige dába as primeiras noticias dun acontecemento que conmocionaría a todo o país durante meses. Esta fin de semana, o sábado 17 e o domingo 18, o centro de arte da rúa Príncipe abre as súas portas cun amplo programa de actividades para todos os públicos arredor da exposición “A Balea Negra”, aberta nas salas da planta baixa do centro.

Até as tres da madrugada do sábado e até as nove do domingo permanecerá aberto o MARCO, cun amplo abano de actividades entre as que se atopan a visita á exposición guiada polo comisario Pedro de Llano o sábado ás 18:00 ou a charla-conferencia coa activista Mavis Müller, que lembrará a súa experiencia en accións desenvolvidas arredor do vertido do Exxon Valdez en 1989 e as consecuencias que aínda hoxe soportan.

O Festival “Chámalle X” organizado pola Facultade de Belas Artes de Pontevedra coa performance “Cue & Reviw” de Andrés Galeano o sábado ás 21.00 e o obradoiro vocal “A Vila”, itinerario polas salas con pezas vocais en diálogo coa exposición, ás 23.00 horas poñeranlle banda sonora á noite. Durante todo o fin de semana o público poderá participar nas visitas guiadas a través das salas, en horario de sábado ás 12.00 e 19.30 horas e o domingo de 12.00 , 17.30 e 19.30.  

Comentarios