MÁIS

Nogueiró e o Castro-Galaico

A cultura castrexa máis aló da Raia.
Grupo de asistentes bailando ao son da música do Festival de Nogueiró. (Foto: Festival Castro-Galaico)
photo_camera Grupo de asistentes bailando ao son da música do Festival de Nogueiró. (Foto: Festival Castro-Galaico)

Esta noite, o Festival Castro-Galaico de Nogueiró comezará a súa edición número 14. Desenvolverase durante tres días no Monte da Consolação, na freguesía de Nogueiró (municipio de Braga). 

O festival acollerá tres músicos da Galiza: Óscar Ibáñez, o grupo Voces de Arrieiro e MJ Pérez. Esta cantautora será quen abra o festival, hoxe ás 21 horas, en parcería con As Crua (do Porto), e seguirá o Grupo de Música Popular da Universidade do Minho e Canto d'Aqui. A sexta feira será o día das agrupacións con Voces de Arrieiro e os portugueses Rusga de São Vicente e Grupo Raízes, co seu canto a capela. 

A última xornada encetará cos Sinos da Sé, seguida de perto por Sérgio Mirra. O gaiteiro Óscar Ibáñez & Tribo fechará esta unión da música galaico-portuguesa. A entrada é de balde.

Este evento leva por bandeira a mestura das raíces castrexas, galegas e celtas e a reivindicación dun pasado común entre a Galiza e Portugal xa antes da invasión romana. Acolle, ademais, unha recreación dun poboado castrexo, conmemorando a existencia dun das mesmas características na localización do festival. Construído polos Brácaros, é o máis antigo do distrito de Braga. Estímase que pertence á Idade de Ferro. Mais non todo é música nesta xuntanza de dous pobos con raíces comúns, tamén haberá cinema.

No marco do evento presentarase esta noite o documental Inês de Castro, Aquilo que nos une, audiovisual promovido pola propia MJ Pérez e que está inspirado na figura e na historia desta nobre galega que marcou a historia de Portugal, coñecida como a “raíña despois de morta”.O evento rematará cun espectáculo de lume do Grupo de Feiticieiros da União.

Máis en CULTURA
Comentarios