Noemí Vázquez: "O libro-disco nace da necesidade de ter un traballo físico a pesar do parón da pandemia"

'Oceanoe, travessia polo mar das Antelas' é un proxecto de libro-disco que nace abrigado pola taberna cultural Arca da Noe (Vilar de Santos) e pola súa responsábel, Noemí Vázquez, xunto co músico Sérgio Tannus, as creadoras Irene Veiga e Xico Paradelo ou a realizadora Lucía Cortiñas, entre outras. Un traballo narrativo, musical e audiovisual que busca recuperar os lugares da Limia e, ao mesmo tempo, fuxir do parón que provoca a crise sanitaria a través da “necesidade de ter algo físico”. 

-Como nace e en que vai consistir este proxecto?

A idea xorde logo destes meses sen programar na Arca da Noe. Estabamos a facer un cento de concertos ao ano e, de repente, paramos. Despois do confinamento, até os últimos meses que foi cando realmente entrou o virus en Vilar de Santos e na Limia máis duramente, non cesamos, loxicamente estivemos parados cando non había outra. Así que o proxecto naceu un pouco por ese motivo, por estar todo tan parado e pola necesidade de que saíse algo físico, que dixeramos “fixemos isto”, xa que tiñamos que cesar e non sabiamos a onde podía ir todo.

Por casualidades da vida, ademais, Sérgio Tannus está a vivir por aquí, en Xunqueira de Ambía, montou un estudio de gravación e unímonos; ao mesmo tempo tamén a Inés, da Banda da Loba, está a vivir por aquí; Patri das Adufeiras do Salitre é da Limia... E outra xente que forma parte da cuadrilla da Arca da Noe. É un pouco loucura pero imos tentar arranxar o diñeiro e levalo á fronte, porque vivimos no rural e queremos seguir aquí e continuar a facer programación e difusión cultural.

-No proxecto de libro-disco, como vai ser a narración? E quen vai participar nese CD?

Trátase dun conto que segue a liña da literatura fantástica e que vai parando por diferentes puntos da lagoa, unha lagoa imaxinada, que existiu pero que xa non está. Iremos facendo unha ruta que ten unha serie de paradas onde se van gravar videoclips das músicas que tamén van colaborar no traballo final. Son 15 cancións nas que aparecen medio cento de músicos de diversas formacións mesturados entre eles.

É xente especial para a Arca e para nós. Estarán artistas como a Ugia Pedreira, Marcelo Dobode e Carolina das Adufeiras; noutra canción están Uxía, Luís Pastor e Lourdes Guerra; Eliseo Parra e Davide Salvado; Selina da Piedade e Xosé Lois Romero e Ana Santos; Najla Shami... E logo está Lucía Cortiñas que se encarga da gravación dos videoclips, que iremos subindo a Youtube e que consiste nas rodaxes con eses cantores e cantoras que van formar parte do libro-CD.

O proceso conta coa estancia dos músicos unha fin semana aquí, que se reparte entre a gravación da canción no estudio de Sérgio Tannus e na rodaxe do vídeo nalgún lugar da contorna. Por exemplo, no segundo día de gravación achegámonos á Torre da Pena (Xinzo de Limia). 

-Como e cando vai ser a campaña de mecenado?  

Lazámola o 7 de abril a través da plataforma Verkami. As recompensas que imos ofertar son moi variadas porque contamos coa colaboración de asociacións, de fundacións, de librarías, de persoas que se dedican ao deseño en diversas formas... Por exemplo, unha das recompensas, das máis chistosas, será un saco de patacas e mais o libro-disco; o convite a unha hamburguesa de boi na Arca e unha cervexa de Carabuñas será outra; tamén unha fin de semana na Arca, coa durmida, o convite ao concerto e xantar no local.

Ademais, desde a Fundación Vicente Risco doáronnos lotes de libros para outra recompensa; Através Editora de AGAL (Associaçom Galega da Língua) tamén colaboran dese modo; ou aCentral Folque... Outra recompensa é unha tatuaxe cunha rapaza da zona; uns sacos de tea bordados por Lumecú, que é outra das artesás e creadoras da contorna; tamén colabora o Festival de Poesía do Condado, de Salvaterra de Miño...

O valor das recompensas é igual de variado, desde 35 euros, por exemplo, o xantar na Arca e mais o libro-disco ou o saco de patacas xunto co libro-disco. 

Comentarios