RODRIGO CUEVAS, AXITADOR FOLCLÓRICO

"No folclore os asturianos sempre miramos a Galiza"

Viviu oito anos en Galiza -falou con nós en galego con pingas de gheada- pero este asturiano que se define como "axitador folclórico" é aínda pouco coñecido aquí como artista. Compositor, cantante e multiinstrumentista, deuse a coñecer cunha proposta musical que mestura trad asturiano, humor, cabaret e moito atrevemento. Esta sexta feira amósanos o seu espectáculo na sala Riquela de Santiago. 

rodrigocuevas
photo_camera Rodrigo Cuevas en Galiza, coa súa burra Sofía

- Viviches aquí moitos anos pero teño a sensación que o desta sexta é un dos teus primeiros concertos en Galiza, non?
- Eu en solitario estiven nun festival que se chama Primos Hermanos en Santiago e tamén na Coruña, pero si que é verdade que non callou a cousa de todo. Non me saíron bolos moi seguidos. 

- Presentas o espectáculo "El mundo por montera" que defines como zarzuela bufa. 
- Non é fácil de explicar o formato, porque non é teatro pero tampouco un concerto ao uso, entón creo que podería ser unha zarzuela de peto con moito humor, e por iso lle metín o de zarzuela bufa. Unha mestura de teatro e música, con partes faladas. 

Eu falo de cousas moi serias, aínda que sexa a través do humor

- Tanto a túa música como a túa presenza escénica parte do folclore. E dáslle a partir de aí un punto de erotismo, de humor...
- Pero tampouco me cinxo ao que normalmente entendemos por folclore, porque normalmente dicimos folclore e vénsenos á cabeza pandeireta e voz, pero eu tamén collo cousas da música popular, tanto rural como urbana, e meto cuplé, coplas, habaneras... O primeiro que digo sempre é que eu non fago música tradicional, que quede claro. 

- Como reaccionaron os puristas en Asturies diante da túa proposta?
- A verdade é que moi ben, acolléronme moi ben, case como alguén a quen estaban a agardar. Porque a verdade é que eu non estaba de todo seguro de que lles fora parecer moi ben, pero a verdade é que todo foi moi ben. Veñen aos concertos, cantan as cancións, veñen cando convoco para facer un videoclip vestidos de asturianos, a facer colaboracións...

A balanza está totalmente basculada cara o mundo urbano, o rural non se ten en conta

- Houbera unha certa polémica cando fuches imaxe do Consello Regulador da Sidra Asturiana. 
- Si, creo que os 'llagareros' tiveron moita valentía para collerme a min de imaxe. E creo que lle saíu moi ben, a pesar de que houbo moitas críticas. Porque -imaxina- o sector da sidra é un sector tradicional, un mundo moi estancado que non evolucionou até hai pouco. Nin sequera se etiquetaban as botellas. É un mundo que até hai 20 anos estaba como hai 100, case empezou a modernizarse agora. Houbo xente á que lle custou un pouco pero ao final todo o mundo quedou contento. 

- E os de Verdiciu como levaron o teu éxito nas redes con este hit?
- Pois houbo de todo. Hai xente que moi ben. O ano pasado fun en plena ebullición do vídeo, e si que había un sector do pobo que estaba un pouco en contra, pero moitos foron ao concerto e cando rematei dixéronme "nós cremos que te ías rir de nós e agora estamos moi contentos". Ao final cambiaron de parecer, porque eu entendo que se ves só un videoclip non chegas ao fondo da miña proposta. Porque eu falo de cousas moi serias, aínda que sexa a través do humor, que non son para nada para rirse. Todo o que fago é con moito respecto, e eu entendo que se non tes máis referencias podes pensar que é unha mofa. 

En Galiza é unha marabilla o vivo que está tanto a música coma o baile. Iso fascinoume. Eu creo que foi por iso que quedei alí tantos anos. 

- Defíneste como "axitador folclórico" e o humor é parte central do teu discurso. 
- Eu defínome así, porque non me gustan moito as etiquetas, porque nos cortan as ás. Tampouco me gustan as liñas e as fronteiras, intento ter as menos posibles na miña vida. Collín esa etiqueta porque me pareceu bastante aberta, coa que podía xogar bastante. 

- O trasfondo é crítico. 
- Si, case sempre. No espectáculo falo da UE e de moitas outras cousas, pero sempre desde un punto de vista humorístico e desde o cotiá. 

Eu nunca estiven nun grupo folclórico nin tampouco me atrae, porque para min o folclore é unha cousa viva, natural, e aquí o que faltaba era iso.

- Ti reivindicas a modernidade do rural, esa é unha parte importante da túa mensaxe. 
- Si, eu vivo no rural, estou moi implicado con este mundo, porque creo que é onde mellor podemos funcionar como sociedade e mesmo como individuos, onde máis prácticas son as cousas. Ou polo menos que haxa un pouco de equilibrio entre o mundo rural e o urbano, non como agora, que a balanza está totalmente basculada cara o mundo urbano, o rural non se ten en conta. E eu reivindico que no rural podes ser a mesma persoa que no mundo urbano. Moita xente di que quere ir ao rural cando sexa vello, e eu creo que non, que é todo o contrario, cando es vello é moito mellor vivir na cidade, porque telo todo máis preto. Pero no rural un pode ser moito máis libre, podes facer moitas máis cousas, hai moitas menos regulacións en todo e a convivencia é máis doada, máis estreita. 

- En Galiza tamén viviches no rural, non?
- Vivín na Lama sete anos, nunha aldeíña moi pequena. Vivín un tempo en Santiago, cando cheguei en 2008 e logo funme a Luou, en Teo, estiven traballando alí, e logo xa me fun para A Lama. 

- Tes varias cancións en galego. 
- Si, no disco anterior, que publiquei en 2012, que se chama 'Yo soy la maga', tiña unhas cantas. 

O problema que temos en Asturias, ao igual que en Galiza, é a emigración xuvenil. É desolador.

- Aquí tiñas relación co folclore galego?
- Si, estiven na Central Folque. No tema do folclore os asturianos sempre miramos a Galiza porque aí todo o tema folclórico está máis vivo e máis presente no cotiá. Cando cheguei descubrín as señoras tocando a pandeireta, non coñecía ese mundo. A min a música tradicional non me enganchara aínda porque non vira nada diso, non lle atopara a verdadeira esencia. Por iso cando fun a vivir á Lama flipei co mundo dos seráns, coas señoras, con toda a afección que hai. Iso é interesantísimo. E logo estiven tocando un tempo cun grupo que tiñamos en Pontevedra que se chamaba A Máquina de Meter Medo, con Xandre Outeiro. Aí empecei a moverme no mundo da electrónica, a ver o mundo do folclore tamén desde outros puntos de vista. En Galiza é unha marabilla o vivo que está tanto a música coma o baile, sobre todo na zona de Pontevedra. Iso fascinoume. Eu creo que foi por iso que quedei alí tantos anos. 

- E como está a cousa en Asturias agora mesmo?
- Non vou dicir que imos por detrás, porque os camiños son diferentes, pero aquí está como comezándose a bailar outra vez dese xeito máis tradicional. Eu nunca estiven nun grupo folclórico nin tampouco me atrae, porque para min o folclore é unha cousa viva, natural, e aquí o que faltaba era iso. Os seráns estánse a recuperar agora e estase a volver a bailar de forma natural. E a pandeireta está collendo outra vez moita forza. Creo que está outra vez na moda, aínda que a expresión soa un pouco fea. Pero eu vexo bastante ben o futuro. O problema que temos en Asturias, ao igual que en Galiza, é a emigración xuvenil. É desolador. Daste conta cando saes de Asturias porque hai xente nova pola rúa. Creo que ese é o maior problema que temos aquí, tanto para o folclore como para todo. 

Comentarios