No centenario de Celestino Fernández de la Vega, o intelectual que atopou o segredo do humor en tempos tristes

A pouco estivo de arrebatarlle o Día das Letras Galegas a Filgueira Valverde mais non puido ser. De triunfar na apertada votación, o nome de Celestino Fernández de la Vega ampliaría o seu reducido coñecemento neste ano no que se fai o centenario do seu nacemento tal día como hoxe, en Friol. 

Celestino Fernández de la Vega
photo_camera Celestino Fernández de la Vega

Pouco lle faltou a Celestino Fernández de la Vega para conseguir que o centenario anticipase ao seu Día das Letras Galegas. Por un voto, Filgueira Valverde impúxose na elección mais mesmo nunha das escollas o seu nome encabezaba a devezada listaxe. De ter saído, desempoaríase a traxectoria dun intelectual que fixo do humor materia filosófica, descubrindo a raigame humorística cun libro que é referencia na historia do ensaio galego. 

Tal día coma hoxe, o 23 de setembro de 1914 nacía en Friol Celestino Fernández de la Vega, ensaísta que partillou dos faladoiros da cidade de Lugo, na que era funcionario, con Ánxel Fole, Luís Pimentel ou Ramón Piñeiro. Pertenceu ao grupo fundacional da Editorial Galaxia, selo no que sairía coa súa sinatura unha das obras fundamentais do ensaísmo galego, O segredo do humor, publicada en 1963, no que recoñece a dimensión da figura de Castelao. A obra, que é o cuarto libro de ensaio publicado por unha Galaxia á que Piñeiro imprimía o selo ideolóxico, está dedicado a súa muller cunha elocuente frase: "Para que os nosos tres ledos cativos medren e comprendan un pouquiño da ledicia e da tristura do seu pai". Singular libro no que afonda no humor nun tempo no que o peso cincento da ditadura daba para moi poucas brincadeiras. Fernández de la Vega morreu en 1986 e só neste ano do seu centenario unha placa figura na casa na que residiu en Lugo, como sinal tamén do esquecemento que pesou sobre a súa figura e que estivo a piques de derrubarse por só un voto. 

"Se se pensa en Valle Inclán, en Xulio Camba, en Castelao e na ascendencia galega de Cervantes e de Eça de Queiroz -case os únicos humoristas peninsulares- pódese chegar a sospeitar que o humor debe ter algo que ver coa alma galego-portuguesa"

O humor na alma da saudade

"Se se pensa en Valle Inclán, en Xulio Camba, en Castelao e na ascendencia galega de Cervantes e de Eça de Queiroz -case os únicos humoristas peninsulares- pódese chegar a sospeitar que o humor debe ter algo que ver coa alma galego-portuguesa", sinala o autor no seu libro clave, unha obra que foi editada en tres ocasións por Galaxia mais que, mesmo así, non conseguiu tornarse popular, malia que un dos escritores máis lidos do noso tempo, Manuel Rivas, a recoñeza como obra clave do ensaísmo galego e a teña citado en moitas ocasión. 

Sen a volta de folla que tería sido a escolla da Academia para o coñecemento do autor, o centenario está a ser ocasión para revisar a súa traxectoria vital e intelectual. Os centros da Rede Museística de Lugo, dependentes da área de Cultura da Deputación xunto coa Universidade de Santiago de Compostela, organizan tres xornadas como homenaxe ao autor de Friol co título “Celestino Fernández de la Vega: mestre lucense nun tempo de sombras”  A primeira das xornadas, que se conmemora neste mesmo día no que se fai o centenario, abordará a súa presenza na memoria viva de Lugo cos xornalistas Paco Nieto e Juan Soto e a proxección do documental “Os espazos vividos e amados de Cilistro”, coordenado polo profesor Xosé Veiga Alonso. O recital  “Palabras en tempos escuros”, a cargo de María Xesús Vázquez Lobeiras porá fin á primeira xornada que se desenvolverá no museo de Lugo. 

Novembro para coñecer a súa obra


Xa no mes de novembro, co título “Tempo e pensamento de Celestino Fernández de la Vega” desenvolveranse dúas xornadas os días 21 e 22 nas que se fará unha análise do pensamento e da traxectoria do autor e obras como Abrente e solpor da paisaxe (1958) ou O segredo do humor (1963) alén de asinar canda Ramón Piñeiro a tradución de Da esencia da verdade de Heidegger ao galego. A homenaxe completarase cunha revista oral monográfica no Museo Fortaleza San Paio de Narla na que participaran  Ramón López Vázquez, Alfonso Blanco Torrado, Higinio Martínez Fernández de la Vega, Lois Pérez e a viúva de Celestino, María Luísa Maceda. 

As xornadas máis académicas de novembro que se adentrarán na obra do autor contarán coa participación de Mª Xesús Vázquez Lobeiras, Xosé Veiga Alonso, Xulio Pardo de Neyra, Carlos Fernández, Siro López, Ramón López Vázquez, Andrés Torres Queiruga, Francisco Conde Soto ou Arturo Leyte Coello. 

No blog Terra de Friol alóxase a bitácora dedicada ao centenario de Cilistro e nel podemos atopar tamén a entrevista que Xulio Xiz lle fixo na Radio Galega no mesmo ano da súa morte. 

Comentarios