No cabodano de Ramón María Aller, o astrónomo que deu nome a un cráter na lúa

Pode ser que fose o máis alto recoñecemento para unha persoa que pasou toda a vida mirando as estrelas. O astrónomo Ramón María Aller deu nome a un cráter na lúa, en recoñecemento da comunidade internacional a unha longa vida dedicada a investigación científica. Cúmprese esta sexta feira,, día 28, o 48 cabodano da súa morte en Lalín, onde nacera. 

Ramón María Aller (CCG)
photo_camera Ramón María Aller (CCG)

Desde moi novo, Ramón María Aller pasaba as noites mirando as estrelas. Un anteollo agasallo da súa avoa sería o seu primeiro material para se iniciar nunha investigación na que continuaría o resto da súa vida. Despois dun período de formación en especial con estadías en Castro Urdiales, Aller construíu no patio da súa casa de Lalín en 1917 un observatorio astronómico para o que el mesmo deseñou a cúpula que había de gardar todo o valioso instrumental que podía alcanzar. Ao anteollo e o teodólito iniciais fóronse sumando outros materiais de precisión algúns deles ideados e construídos polo propio Ramón María Aller. O propio Observatorio de París tomou para o seu uso os modelos deseñados polo científico galego. 

Co Seminario de Estudos Galegos

Aínda sorprende a dimensión do seu traballo publicado no ano 1932 polo Arquivo Seminario de Estudos Galegos e que mostra a súa condición de pioneiro no mundo das estrelas. Entre outros avances, conseguiu ser o primeiro en calcular a órbita dunha estrela dobre -parella de estrelas que se atraen pola forza de gravitación mutua- en todo o Estado, o que o convertería nun investigador de prestixio nun ámbito que estaba aínda a nacer. A través do Seminario de Estudos Galegos, do que foi socio e protector,  achegaría a figuras como Otero Pedrayo, Vicente Risco ou Iglesia Alvariño ao coñecemento do universo, en visitas ao seu Observatorio nas terras do Deza. 

Só deixaría Lalín para se dirixir a Santiago de Compostela para converterse en 1940 en profesor de Xeometría Analítica e Análise Matemática na Facultade de Ciencias coa promesa de que a Universidade construíra un observatorio astronómico que hoxe leva o seu nome. Até que a enfermidade puido con el e fixo que regresara a súa localidade natal en 1964 non deixou de investigar. Ramón María Aller morreu un 28 de abril de 1966 e o seu nome continuou a medrar co recoñecemento internacional da súa condición de investigador pioneiro que plasmou en máis de oitenta artigos publicados en toda Europa e catro libros, dous deles, Introdución á astronomía e Astronomía a simple vista, aínda hoxe referencia para quen gosta de coñecer o firmamento. 

Entre outros recoñecementos, Ramón María Aller foi membro da Comisión de Estrelas Dobres da Unión Astronómica Internacional (IAU), da Academia de Ciencias Exactas de Madrid  e en 1949 foi nomeado catedrático extraordinario de Astronomía, posto que se creaba na USC pola súa figura. Con medios cativos para a dimensión do seu traballo, a grandiosidade de Aller consigue despuntar,  no ámbito internacional da astronomía, desde unha localidade como Lalín illada entón da investigación académica, cunha vontade singular que naceu da súa paixón por coñecer as estrelas. 

Comentarios