CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

De Netflix ás salas comerciais e tiro porque me toca

fedeetarras1
photo_camera Un fotograma do filme

FE DE ETARRAS

(España 2017, 89 min. – Comedia) 

Dirección: Borja Cobeaga

Guión: Borja Cobeaga e Diego San José

Fotografía: Jon D. Domínguez

Música: Aránzazu Calleja

Elenco: Javier Cámara, Julián López, Miren Ibarguren, Gorka Otxoa, Ramón Barea, Luís Bermejo, Tina Sáinz

SINOPSE

Un comando de ETA agarda ordes nun piso franco dunha pequena vila española. Corre o ano 2010 e a selección española de fútbol está a piques de gañar o Mundial de Sudáfrica.

CRÍTICA

No mes de setembro, a multinacional Netflix colocaba un cartaz xigante nas rúas de Donostia para promocionar o seu filme, de facturación propia, Fe de etarras coincidindo coa preestrea no prestixioso Festival desta cidade. A publicidade consistía nun toldo negro onde se podía ler, aparte do título do filme e a data de estrea, a frase “Yo soooy españooool, españoool, españoooool”. A polémica estaba servida, porque a particularidade foi que cada palabra “español” estaba tachada en vermello. Nun estado en permanente vixilancia contra a liberdade de expresión, era de esperar que alguén denunciase este feito ante a Fiscalía. Nesta ocasión foi a quenda da Unión de Gardas Civís que semella que non gostou da brincadeira, ou non a entendeu, e decidiu presentar unha denuncia por “humillación ás vítimas do terrorismo”. A denuncia non prosperou mais, ironicamente, deulle a Netflix unha publicidade impagábel. Cousas que pasan...

Após a estrea en dita plataforma de streaming, faino agora en salas comerciais co gallo de poder optar aos premios Goya, pois é un dos requisitos indispensábeis para poder facelo. Fe de etarras é unha comedia de situación entorno a un grupo de catro membros da organización armada vasca á espera dunha chamada mentres agardan nun piso franco dunha céntrica vila española. A chamada non acaba de chegar, así que se ven obrigados a convivir e pasar desapercibidos entre a poboación sen levantar sospeitas. O problema é que corre o ano 2010 e estase a celebrar o Mundial de Fútbol de Sudáfrica, aquel en que a selección española gañou a final.

Dirixe Borja Cobeaga, un dos responsábeis dos famosos programas de humor Vaya Semanita! e Muchachada Nui, programas nos que Gorka Otxoa (Pagafantas) e Julián López (Non controles), respectivamente, eran intérpretes habituais. Ambos forman parte tamén deste atípico cuarteto protagonista completado por Miren Ibarguren (da serie Aída) e a impagábel presenza de Javier Cámara (Truman). Luís Bermejo (Magical Girl), como veciño facha, e un enorme Ramón Barea (Negociador), como xefe da cúpula de ETA, completan o reparto.

Poderíase pensar que a cousa vai dunha sucesión de brincadeiras ao estilo de Oito apelidos vascos (2014, Emilio Martínez Lázaro) mais, lonxe diso, Fe de etarras tómase bastante en serio a arte de facer comedia evitando estereotipar, nin caer na burla gratuíta e nin tampouco en odiosos tópicos localistas, salvo nos referentes á comida vasca, eses eran imprescindíbeis... A trama ben podería caber nun episodio de Vaya Semanita! máis aguanta bastante ben durante a (case) hora e media de metraxe, sobre todo, grazas á presenza de Javier Cámara, que sostén o filme case el só, e máis pola subtrama que se monta arredor das personaxes de Ibarguren e Otxoa (sorprendentemente ben ambos). Quizais a que lle tocou a Julián López sexa a máis irregular: comeza moi ben, de feito ten unha presentación de personaxe de verdadeiro esmendrelle, mais logo vaise desinchando pouco a pouco. Seica é o que ten facer sempre de “alivio cómico”...

Borja Cobeaga logra romper tabús ríndose de todo sen complexos, deixando de lado os posicionamentos políticos e procurando sempre o sentido cinematográfico de cada secuencia. Unha comedia tomada moi en serio que resulta bastante mellor do esperado... aínda que tampouco é para botar foguetes. 

Comentarios