CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Nerve

nerve1
photo_camera nerve1

NERVE

(EUA 2016, 96 min.)

Dirección: Henry Joost e Ariel Schulman

Guión: Jeanne Ryan e Jessica Sharzer

Fotografía: Michael Simmonds

Música: Rob Simonsen

Elenco: Emma Roberts, Dave Franco, Emily Meade, Miles Heizer, Juliette Lewis, Colson Baker, Kimiko Glenn, Marc John Jefferies, Brian Marc, Samira Wiley

SINOPSE

O verán previo a entrar na Universidade, a apoucada Vee descobre un xogo online que está facendo furor nas redes sociais. A regra principal consiste en cumprir todos os retos que se vaian poñendo até chegar á gran final. Tras superar o reto de apuntarse, a súa vida tranquila comeza a cambiar radicalmente.

CRÍTICA

Nos últimos anos está a haber unha proliferación de filmes arredor de internet, das redes sociais e das ciberelacións como un leitmotiv recorrente para contar historias de diversa índole. Eliminado (2014, Levan Gabriadze) no xénero de terror, Open Windows (2014, Nacho Vigalondo) suspense, Transcendence (2014, Wally Pfister) ciencia-ficción, Her (2013, Spike Jonze) romance futurista, O quinto poder (2013, Bill Condon) en chave política ou Gamer (2009, Brian Taylor e Mark Neveldine) en plan videoxogo, son algúns dos exemplos que, de seguir esta inercia, é moi posíbel que dentro de non moito esteamos a falar xa dun novo subxénero con entidade propia. Agora chega a dupla Joost-Schulman para sumar cunha historia acerca dos perigos das redes sociais e de como nos afectan a todos, inda que a cousa vaia dirixida maiormente a adolescentes.

Quen estea á última no mundiño das redes sociais pillará que a trama está baseada nos retos que se fan habitualmente na app chamada Periscope, o resto case seguro que nos preguntaremos: Perisqué..?

A primeira vez que tocaron o tema de internet foi en 2010 no pseudo-documental Catfish. Un exercicio de estilo independente que obtivo moi boas críticas no momento aparte de converterse nun fenómeno viral durante a promoción. A parella prometía bastante mais tropezaron cun par de secuelas de Paranormal Activity na que parecía que acabarían estancados. Con Nerve tratan de volver á senda que lles puxo no punto de mira abordando o campo que semellan coñecer mellor: as redes sociais. Para elo contan cun elenco encabezado por “familiares de”, asegurándose así un previsíbel reclamo publicitario (e gratuíto): Emma Roberts (sobriña de Julia Roberts e filla de Eric Roberts) e Dave Franco (irmán de James Franco) encabezan o reparto.

Emma interpreta Vee, unha pre-universitaria tímida que se apunta a NERVE, un morboso xogo de internet no que os “xogadores” deben cumprir os retos que lles poñan os “observadores”. Unha sorte de gran irmao a grande escala no que calquera persoa do mundo pode seguir os teus movementos incitándote a realizar calquera actividade que se lle pase pola cabeza.

Cando Vee coñece a Ian, un experto xogador de NERVE, as súas prioridades comezarán a mudar ao tempo que atopa o seu lado máis salvaxe e atrevido. Obviamente, hai algo que non cadra de todo... Actores novos, humor picante, retos emocionantes, adrenalina, trama lineal, pero honesta, e unha estética de luces de neon moi apropiada para o público obxectivo a quen vai dirixido. Quen estea á última no mundiño das redes sociais pillará que a trama está baseada nos retos que se fan habitualmente na app chamada Periscope, o resto case seguro que nos preguntaremos: Perisqué..? Nerve é un perfecto vehículo de entretemento púber que non engana ninguén e, ademais, deixa bastante bo sabor de boca. Conta co extra de cuestionarnos se somos máis “observadores” ou “xogadores”: eu penso que son máis do tipo “observer”... o único reto que podería aceptar creo que sería o de quitarlle o “nerve” ao filete.

Comentarios