sábado 24/07/21

Nerea Barros e Javier Gutiérrez, Goyas polas súas interpretacións en "A illa mínima"

Coa compañía Nut, teatro contemporáneo en galego, iniciouse na interpretación profesional Nerea Barros, gañadora do Goya á mellor actriz revelación. O ferrolán Javier Gutiérrez conseguiu o de mellor actor. Os dous por A illa mínima, a grande triunfadora con 10 goyas. 

Nerea Barros e Javier Gutiérrez
Nerea Barros e Javier Gutiérrez

Se ben desde A Esmorga consideraron xa un triunfo seren finalistas con Carlos Asorey e Ignacio Vilar á categoría de mellor guión adaptado estando rodada en galego e cando aínda non se estreara nas salas comerciais de fóra do país, a esperanza continuaba cando o escritor Manolo Rivas abriu o sobre do premio que finalmente foi para Mortadelo e Filemón. Tampouco A tropa de trapo, que competía á mellor filme de animación, conseguiu os votos de académicas e académicos do cine español para facerse co busto do pintor mais si tiveron sotaque galego os premios ás interpretacións nas categorías de actriz revelación para a compostelá Nerea Barros e o actor protagonista para o ferrolán Javier Gutiérrez, ambos por A illa mínima, a grande triunfadora da noite con dez premios, entre eles, o de mellor película. 

Se ben Javier Gutiérrez, como sinalou no acto de recollida do premio, marchou de Ferrol con 18 anos para iniciar a carreira de actor, a compostelán Nerea Barros, recoñecida na gala do cine español como mellor actriz revelación polo seu papel de Rocío en La Isla Mínima, ten unha ampla traxectoria no teatro e no audiovisual galego.

Do teatro contemporáneo

Mália a súa condición de “revelación” polo filme de Alberto Rodríguez, Nerea Barros ten xa unha sólida carreira como actriz, de maneira especial no teatro contemporáneo e de vangarda en diversas compañías que naceron en Compostela, a súa cidade. A actriz é unha das promotoras de Nut Teatro e As Churras, compañías integradas no seu elenco artístico por mulleres que desenvolveron propostas arriscadas nas que se mesturaban as distintas linguaxes creativas, da performance ao teatro,a  danza ou o audiovisual. Wake Up, My own life ou Corpos disidentes, con Andrea Álvarez, Iria Sobrado ou Xiana López, con Nut Teatro -compañía fundada en 2006- ou a triloxía Clitemnestra-Electra-As Furias, co colectivo As Churras no que tamén participaban Iria Sobrado e Xiana Carracelas, proposta performática con vídeo, son algunhas das montaxes nas que participou a actriz nunha carreira que se desenvolveu tamén na televisión e no cine, participando en series como Padre Casares, Matalobos ou Valderrei, producidas para TVG, ou El secreto de Puenteviejo, El tiempo entre costuras e El Príncipe ademais de longametraxes como Os fenómenos de Alfonso Zarauza ademais de películas dirixidas por Xavier Bermúdez -con quen se iniciou no cine con só quince anos- ou Eloi Lozano. 

comentarios