NEREA BARROS, ACTRIZ GAñADORA DUN GOYA

"A enfermería ensinoume a realidade da vida e iso foi importante para min como creadora"“

De montar compañías teatrais que experimentaban con novas linguaxes en Compostela a gañar o Goya pola súa interpretación en La isla mínima en só tres anos. A vida da actriz Nerea Barros mudou en moi pouco tempo mais ela responde de forma pausada a eses cambios que entende como resultado dunha evolución progresiva. 

Nerea Barros. Foto: Manuel Lemos
photo_camera Nerea Barros. Foto: Manuel Lemos

-De crear compañías de teatro contemporáneo a gañadora dun premio como o Goya. Pasou un tornado na súa vida?

Boto moito de menos os escenarios mais foi algo progresivo. Vin para Madrid hai tres anos. Baixei definitivamente despois de tomar unha decisión que comparto con moita xente da miña profesión que teñen que abandonar Galiza por falta de traballo. Comecei a ter oportunidades e desde hai dous anos, de maneira intensa. Esta película é do pasado ano e cando gravamos eu era consciente de que ía ser moi boa, aínda que en ningún momento agardabamos tanto. De repente estás nun filme no que como se roda, o traballo que se fai de maneira colectiva, os propios equipos... todo está posto para a película e pola película. Era como unha gran familia. Notábase. O primeiro día que baixei aos ensaios a Sevilla chamei a miña nai e díxenlle que despois de todo o que levaba loitando tiña a sensación. de que, se traballa o que tiña que traballar, nesta ocasión podía levar unha alegría, mais as que me deu A illa mínima superaron moito todas as expectativas. 

-Como chega a interpretar unha película como esta?

Cando as directoras de casting, Yolanda Serrano e Eva Leira, dúas persoas moi importantes no cine neste momento, con mirada propia para escoller actores, repararon en min pregunteilles se estaban seguras. Dixeron que non me chamaban polo que tiña por fóra senón polo que era por dentro. Meses despois entereime de que o mesmo lle pasara a Alberto Rodríguez, o director. Tiña na cabeza outro personaxe, con outras características, e foron elas as que se empeñaron. 

-Tivo a sensación de que o papel era un agasallo?

Puxéronme nas mans o traballo de Atin Aya, un fotógrafo que retratou as marismas do Guadalquivir nos anos cincuenta. Unha desas fotografías na que había dúas acompañoume sempre. Era como un estímulo para min. Cando comezas a ensaiar a confianza dácha o equipo. Este último mes e medio todo foi unha tolería, mais eu teño a sensación dun camiño progresivo. Primeiro foi Málaga, logo o festival de Donostia e un sen parar moi ben xestionado até que chegaron os Goya. Pasado isto continúo a traballar mais moito máis tranquila, estou a vivir unha intensa sensación de felicidade. 

"Estou a vivir unha intensa sensación de felicidade” 

-A súa familia quixo que estudara Enfermería por se o oficio de actriz non daba para vivir, que lle din agora?

Vexo normal que así o fixeran, son pais e queren o mellor para os seus fillos. Querían que fixera o que eu sentía mais querían que estivera ben, tivera un traballo fixo e non tivera problemas económicos e eu entendín iso perfectamente desde o principio. Ademais, nese primeiro achegamento á enfermería atopei unha vida dentro de min que me ensinou moito, fíxome evolucionar como persoa, ensinoume a realidade da vida e iso foi importante tamén para min como creadora. Para min esa formación como persoa foi paralela á evolución como artista. 

-Que queda daquelas compañías de mulleres que creou que foron Nut e Churras que experimentaban con novas linguaxes teatrais na actriz de agora?

Non hai tanto tempo que fixemos o último espectáculo. Seguimos con Churras aínda que cada unha de nós, Xiana, Iria... teña tamén o seu propio camiño. Son das mulleres que máis aprendín na miña vida, hai moita parte de min que se xerou de estar con ela, do tempo que pasamos xuntas traballando e investigando. É algo que levo ao traballo actoral dunha película, o que sei ven de todo isto. Non o vexo lonxe porque vai dentro de min. Teño moitísimas ganas de crear un pequeno espectáculo para espazos de miniteatro. Teño moitas ideas, sigo cantando, bailando e facendo danza, forma parte de min. Tiven que deixalo por falta de tempo mais continúa dentro. Vexo lonxe certas cousas, outras non. Moito do que aprendín vén dese tempo e, se evolucionei, é por ter pasado por aí. 

-O teatro é a verdadeira escola para unha actriz?

A carreira de actor é durísima porque non sabes cal é o camiño, as claves do éxito mais tamén é moi intensa porque che agarra pola entraña e non a podes abandonar nunca máis. Lévala dentro. Sinto que é unha profesión marabillosa porque, de repente, veste actriz e podes traballar moitos códigos e moitas disciplinas, cada un de maneira diferente. Esta diversidade é positiva e non podería escoller unha delas. O teatro dáche o aquí e agora que precisas cando estás rodando, ponche ao límite. Estás no momento e non hai volta atrás, sentímolo en cada cousa que emana, en cada sentimento, na adrenalina que soltas. Non ten comparación con nada. Non hai actor que non teña pasado polo teatro porque é aí onde rompes, onde atopas certos ocos, a ti mesmo fronte un espello e tes que coller esa imaxe e agarrala como o touro polos cornos. 

-As actrices reveláronse nesta edición dos Óscar contra a discriminación en Hollywood coas mulleres, menos salarios, menos papeis, tiranía da imaxe... os Goya teñen algo diso tamén?

O de Estados Unidos é unha tolería e a presión ás actrices sobre a súa imaxe é moi forte. É preciso pararnos a reflexionar e entendo perfectamente que as mulleres responderan. A primeira vez que tiven que posar nunha alfombra roxa non estaba nada cómoda mais logo entendes que son pequenas festas onde se mostra ao público unha cara bonita do cine e a televisión e na túa man está ser ti mesma ou vivir cunha máscara. Eu arránxome mais como o fai todo o mundo. O que non me parece lóxico é toda a loucura que se pode montar a raíz diso. A min pregúntanme polo vestido mais tamén polo meu traballo, A sociedade exerce unha presión moi forte sobre as actrices. O imperio da imaxe leva moitos anos connosco e a igualdade é un camiño complexo no que estamos e no que hai aínda moitos atrancos que eliminar. As alfombras vermellas son unha festa cara o público e tes que decidir se queres ser ti mesma ou non. Eu non me deixaría disfrazar. 

-O éxito en Madrid significa un non regreso a Galiza?

De ningunha maneira! Agora estou en Madrid mais o martes pola mañá collo o avión porque comezo a rodaxe de Hospital Real que é unha serie baseada no século XVIII no Hospital dos Reis Católicos, con medios naturais, sen platós, unha produción complicada pero que xera moita calidade. Os guións son marabillosos e os personaxes moi reais e vou traballar con actores como Javier Gutierrez, Pedro Alonso, Morris... coa produtora Ficción. Son galega e iso non vai cambiar estea en Madrid, Estados Unidos, Londres ou Xapón. 

-Continúa ademais coa súa representante María Liaño.. 

Que vai a tope cos seus representantes! É marabilloso porque é unha persoa da que te fías, na que confías absolutamente e iso non hai cartos que o paguen.

Comentarios