Nemésio Barxa e Carlos Guitián, galardoados co Premio Brais Pinto 2022

A Agrupación Cultural Auriense, que anualmente concede esta distinción, rende homenaxe aos seus antecesores.
Carlos Guitián e Nemésio Barxa. (Foto: AC Auriense)
photo_camera Carlos Guitián e Nemésio Barxa. (Foto: AC Auriense)

O avogado e membro do Consello de Administración de Sermos Galiza S.A. —empresa editora de Nós Diario—, Nemésio Barxa, vén de ser galardoado, canda o médico ourensán Carlos Guitián, co Premio Brais Pinto 2022, que outorga a Agrupación Cultural Auriense.

A entidade, precisamente, celebra neste 2022 o seu 55º aniversario, motivo polo cal quere agradecer e "recoñecer o valor do feito" polos seus antecesores, así como "pór en valor as persoas que desinteresadamente adican e adicaron o seu tempo a traballar na defensa da nosa cultura e lingua".

É neste contexto que se enmarca a elección de Barxa e Guitián: "O valor que tivo este primeiro grupo de persoas ao decidiren pór en marca unha asociación cultural, para defender e fomentar a nosa cultura e a nosa lingua, en plena ditadura fascista e sendo conscientes do custe que isto lles traería a nivel persoal e profesional", destacan desde a AC Auriense.

Dúas desas persoas, lembran desde o colectivo, son Nemésio Barxa e Carlos Guitián, que "seguen aí e manteñen un compromiso increbantábel cos principios que as levaron a constituír a agrupación".

"Dúas persoas que non só destacan nese traballo dentro do proxecto colectivo que é a AC Auriense, senón que, no seu día a día e na súa vida persoal e profesional, foron e son exemplo da defensa dos signos de identidade do pobo galego, e nomeadamente do noso idioma", engade o colectivo.

A AC Auriense naceu en 1967 e Nemésio Barxa foi o seu primeiro presidente. Desde entón centrou a súa actividade na recuperación e participación de festas e tradicións populares como os maios, os magostos ou o Entroido, sempre reivindicando a normalización lingüística na Galiza.

Comentarios