martes 11/05/21

'Neiti Aika' e 'A miña Terra', mellores filmes da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico

'Entre pastores e lobos', de Manuel Pedrosa, gaña o Premio do Público da 16ª edición da MICE.
fandiño
Sonia Méndez, Luz Fandiño e Nati Juncal, premio CREA por 'A poeta analfabeta'. (Foto: MICE).

O xurado da 16ª edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego (MICE) concedeu o Premio MICE ao Mellor Filme a Neiti Aika, da realizadora finlandesa Elina Talvensaari, "pola súa proposta de historia de vida dunha persoa que xa non está, realizada desde á recuperación da cultura material, cun traballo de investigación minucioso e cun ollar persoal e poético sobre o tempo e a memoria tocando diferentes esferas da condición humana".

O mesmo xurado acordou facer unha Mención Especial ao filme De los nombres de las cabras, de Miguel G. Morales e Silvia Navarro, "pola súa condición de ensaio que integra a Historia e a etnografía a través dunha riqueza de materiais ao tempo que amosa unha brillante concepción da montaxe e o deseño sonoro".

Reflexión sobre o terrritorio

O Premio ao Mellor Filme Galego foi para a peza A miña Terra, de Santiago D. Risco, "pola abordaxe sobria dun tema complexo e a reflexión sobre o territorio, a herdanza e a familia a través dun bo exercicio de observación con elementos poéticos".

O xurado Agantro, da Asociación Galega de Antropoloxía, outorgou o premio á excelencia antropolóxica, a Como el viento, de Raquel Ruiz "por retratar con profundidade, rigor e sensibilidade etnográfica as dinámicas cotiás dunha comunidade xitana en Arxentina".

Segundo salientou, este documental é o resultado dun traballo de campo prolongado que describe e acompaña, viaxando dos lugares e relatos máis íntimos á esfera pública e colectiva. Entre a observación-participante e a historia de vida, o filme percorre lugares e experiencias varias: a intimidade das mulleres e as disonancias interxeracionais, a violencia e os episodios de discriminación, os cultos relixiosos e a vida económica e social.

Outros premios galegos

Pola súa parte, o xurado da Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización (CREA) outorgou este primeiro Premio CREA da MICE ao filme A poeta analfabeta de Sonia Méndez, que aborda a vida da compostelana Luz Fandiño, "pola súa solvencia na elaboración dun filme biográfico que retrata unha personalidade singular, mestura con acerto diferentes materiais e apela ao propio proceso de traballo".

A 16ª edición da MICE recoñeceu co Premio do Público o documental de Manuel Pedrosa rodado no Macizo Central ourensán Entre Pastores e Lobos, que recibiu os votos dos pases presenciais dos filmes no Museo do Pobo, no Teatro Principal e mais no cinema NUMAX, ademais dos votos emitidos a través de internet co visionado das películas na plataforma Festhome, que se manterá activa ata que o remate da mostra, este domingo, 11 de abril.

comentarios