CARLOS SEIJO, DIRECTOR DO DOCUMENTAL 'O ESPANTALLO AMIGO'

“Neira Vilas fíxome reformularme como creador”

O pasado xaneiro estreouse 'O espantallo amigo', un documental sobre Neira Vilas producido por Maxina e dirixido por Carlos Seijo, que agarda que a fita poida verse en breve en todo o país, “en especial nas escolas, “porque ten un contido didáctico moi importante”. 

carlosseijo-neiravilas
photo_camera Carlos Seijo e Noela Seijo, de Maxina

- No filme mesturades unha entrevista co autor con imaxes animadas en 3D representando o conto, non?
- Este é un traballo que contén -creo eu- a un Neira Vilas en toda a súa dimensión. Nel mestúranse dúas esencias, unha delas é a convivencia que mantivemos con Neira na súa casa de Gres, pouco tempo antes de morrer. E a outra é a animación do seu conto 'Espantallo amigo', porque a idea era intentar describir a enorme dimensión de Neira pero, como o facíamos? Era moi complicado, como describir un home tan grande? Pois decidímolo facer cunha metáfora, e lendo os seus libros atópome co conto do 'Espantallo amigo' e nese libro hai unha relación directa con Neira Vilas. Era un home que a pesar de ter estado en Cuba non era nada dogmático, este Espantallo é un personaxe que está por riba do seu dogma, que é escorrentar os merlos, pero sen embargo o que fai é negociar con eles e levalos ao camiño da utilidade. 

- Ti afirmas que debaixo do Espantallo está o propio Neira. 
- Eu creo que si, pero é a miña visión. Supoño que algo tan inmenso como a figura de Neira sexa inalcanzable nun documental, pero eu penso que había moitísimo del neste personaxe, como tamén en Balbino. 

Cando estabas fronte a Neira, dábaste de conta de que estabas fronte a un anaco da historia de Galiza

- Tivestes a sorte de compartir con el un dos seus últimos proxectos. Como foi a experiencia?
- Non estaría tan seguro de que fora un dos últimos. Tiña tantos, sempre facendo cousas, colaborando, sempre estaba axudando a alguén, aínda que non tivera moitísimas enerxías. Tivemos sorte de participar dos seus últimos momentos creativos, pero a verdade é que a experiencia con el foi incrible, marabillosa, porque ti chegabas á súa casa de Gres, tocabas unha campaíña e aparecía el, agarimoso, cun sorriso, sentías xa que eras amigo del nun segundo, sentías que eras parte do seu universo, e isto ten moitísimo que ver c'O Espantallo Amigo, o tema da amizade que está tan presente no conto. Cando estabas fronte a Neira, dábaste de conta de que estabas fronte a un anaco da historia de Galiza, comezaba a falar e era unha ledicia poder escoitalo. Convivimos pouco tempo con el, pero foi unha sorte. Neira vilas o que tiña é que te contaxiaba do que era el. Como dicía cando lle preguntamos cal era o seu núcleo creativo, por que escribes? El non o pensou, tíñao xa moi claro, “a utilidade, ser útil”. A min contaxioume todo este tema e fíxome replantexarme como creador, inculcoume un pouco a idea de que xa que vas facer algo, que sexa útil, que sirva para algo. El dixo que podería ter escrito en español, pero seguramente non fora tan útil, e en cambio en galego había moitísimo por facer. 

neira-vilas-documental-foto-fija-18 (2)

- Ese replantexamento como che vai afectar como creador?
- A súa xenerosidade tamén me impresionou, tanto na súa escritura como na convivencia, porque ás veces os creadores precisan recluírse, e Neira Vilas e aí está a súa xenialidade, era quen de ser un escritor prolífico e ao mesmo tempo tamén estar moi pendente da xente da súa contorna, ser útil para eles. Eu creo que isto é un punto importantísimo en Neira, e pouca xente pode permitirse ser creador e á vez promotor social.  

Era un home que a pesar de ter estado en Cuba non era nada dogmático

- Cando gravastes o documental?
- Gravouse no verán de 2015 e, por certo, vai montado coa música de Xosé Lueiro e coa voz de María do Ceo, e ten como anécdota que unha canción foi escrita polo propio Neira. 

- A produtora, Maxina, sodes ti e a túa irmá Noela, non?
- Si, somos un pequeno grupo creativo dedicado a temas de audiovisual.

- Traballades fundamentalmente para publicidade e, á marxe, facedes proxectos propios, non?
- Eu veño do mundo do cine, da curtametraxe, e a miña irmá é arquitecta. Eu estudei Belas Artes, e estou moi ligado á arte, é algo que non queremos deixar de lado, que nos nutre, forma parte de nós. Si que facemos proxectos ligados á arte, facemos curtas, e non queremos deixar ese amor pola arte. 

- Un videoclip que fixestes para Daniel Minimalia foi nomeado aos Hollywood Music Media Awards, e ten máis de 100.000 visitas no Youtube. 
- Foi un traballo moi fermoso e unha experiencia moi bonita. Rodamos na Cidade da Cultura e non agardabamos chegar tan lonxe con esta peza, pero a verdade é que nós intentamos volcar sempre o tema da arte en cada traballo, por paixón, non por outra cousa. Seguramente teña un pouco esa fantasía que nos gusta poñerlle a cada traballo. A verdade é que chegou a Hollywood e está funcionando moi ben polo mundo.

- Tedes algún outro proxecto en marcha?
- Sempre hai proxectos en marcha. Polo de agora estamos en fase de creativa, pero non imos falar porque logo saen ou non, pero sempre estamos dándolle ao miolo. 

Documental O Espantallo Amigo | Trailer from Maxina on Vimeo.

Comentarios