Sucédense os seus libros póstumos

Neira Vilas após Neira Vilas

Media ducia de libros póstumos certifican a incansábel ética do traballo literario de Xosé Neira Vilas. Os dous últimos, ‘De Gres a Cádiz’ e ‘Co pai’, mesmo abren unha veta pouco explorada na súa obra, a do rexistro memorialístico. Eis un estrato da peza publicada no número 371 do semanario en papel Sermos Galiza.
Neira VIlas (Santos Díez)
photo_camera Neira VIlas (Santos Díez)

mini-neiraVilas“Non había escola en Rebordaos nin en toda a redonda, e foi á de Bama, na terra dos avós maternos. Pasou con eles varias tempadas, e axiña deprendeu a ler e escribir. De alí trouxo palabras novas, ditos, costumes; trouxo refráns e cantigas e lendas”. Velaquí o limo primixenio, descrito polo propio interesado, da literatura de Xosé Neira Vilas, unha das voces de maior relevo da narrativa galega do século XX.  É o inicio de Mestre, unha das 26 estampas de Co pai (Galaxia, 2019), último título dun autor cuxa bibliografía póstuma atinxe media ducia de volumes apenas catro anos despois da súa morte.

“Estivo literalmente traballando até o último minuto. Tiña moitos proxectos en marcha, un detrás do outro”, explica a Sermos Galiza Fernando Redondo Neira, presidente da fundación do escritor e sobriño do mesmo. Aquel compromiso coa escrita traduciuse nun bo monllo de materiais inéditos, algúns listos para publicar. Foi o caso de Co pai, retrato dunha relación, e antes de De Gres a Cádiz (Galaxia, 2018), o máis próximo a un volume propiamente memorialístico da súa extensa produción.

A profesora da Universidade de Santiago Dolores Vilavedra encargouse da edición e prólogos  destes dous libros. Ao seu ver trátase dos inéditos de maior envergadura de entre os até agora publicados. “Completan ese ciclo de estampas que eu relaciono coas Cousas de Castelao, aínda sen debuxos, redondas, en que nin falta nin sobra nada”, di a este semanario, “e que enlazan coa triloxía de Lar, Nai e Pan”. 

O prexuízo do eu

Sobre o traballo de edición nestes títulos, Vilavedra lembra o coidado co que os preparou o autor. Unha morea de palabras en negriña, modus operandi habitual, indicaban que Neira Vilas quería volver a elas, preguntar, informarse. “Houbo que resolvelas e despois solucionar algunhas grallas. Mais os textos estaban rematados”, expón. Por que dúas obras que en nada desmerecen o canon Neira, cuxos puntos e final data de 1999 e 2000 respectivamente, non viron antes luz? A editora aventura unha hipótese: “A súa modestia, o seu certo pudor ao falar de si mesmo, unha especie de prexuízo do eu, impediullo”. Aínda que boa parte da súa obra asenta na propia experiencia e dificilmente é disociábel da vida, adoitou empregar mecanismos de distanciamento. A terceira persoa e a viñeta puída, esférica, contribúen a ese efecto. En De Gres a Cádiz, porén, fala o autor  sen mediacións e relata a súa iniciación á existencia, desde o nacemento na súa aldea de Gres (Vila de Cruces) en 1928 até que embarca cara a Sudamérica o 22 de xaneiro de 1949. 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 371 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques] 

Comentarios