Neira Cruz gaña o XIV Premio Raíña Lupa coa novela ‘O enigma de Santiago’

O xurado deste premio concedido pola Deputación da Coruña destacou a alta calidade das obras presentadas e a achega da novela gañadora á literatura galega.

Xosé_Antonio_Neira_Cruz foto Adrián Estévez Estevoaei
photo_camera Neira Cruz (Foto: Adrián Estévez, Estevoaei)

O escritor Xosé A. Neira Cruz é o gañador da XIV edición do Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil coa súa obra ‘O enigma de Santiago’. Neira Cruz convértese así no primeiro escritor que gaña en dúas ocasións o certame convocado pola Deputación da Coruña.

O xurado destacou que a novela describe unha "trama arredor do poder que se artella a través de feitos históricos construíndo un relato atractivo destinado ao público infantil".  Valorou tamén o "dominio de referencias artísticas e o históricas, cunhas personaxes moi ben armadas, de maneira especial, o protagonista, que evoluciona ao longo da novela".

A obra gañadora, segundo o xurado, establece unha "ligazón entre dúas épocas históricas a través dun elemento fantástico que, a pesar diso, resulta críbel e verosímil".

O xurado valorou tamén a alta calidade das obras presentadas e considerou que a de Neira Cruz supón unha importante achega á literatura galega. O xurado estivo composto por Paula Carballeira, Míriam Ferradáns, Antía Otero, e Tero Rodríguez ademais do autor da edición anterior, Valentín Alvite, co deputado de Cultura, Xurxo Couto, como presidente, e a xefa de servizo, Mercedes Fernández Albalat como secretaria, decidiu conceder o premio á Xosé Antón Neira Cruz coa súa obra "O enigma de Santiago", presentado co lema "Tempos fugit".

O autor

Xosé A. Neira Cruz é xornalista, escritor e profesor da Universidade de Santiago de Compostela. Licenciado en Xornalismo e en Filoloxía Italiana, é doutor en Ciencias da Comunicación e en Filoloxía Italiana pola usc.

Autor de máis de 30 obras de creación literaria, recibiu, entre outros, o Premio Merlín (1988 e 2000), o Barco de Vapor (1997 e 1999); o Raíña Lupa da Deputación da Coruña, en 2002; o Lazarillo da OEPLI, en 2004; o Fiz Vergara Vilariño de poesía do Concello de Sarria, en 2007; o White Ravens da Internationale Jugendbibliothek de Múnich; os premios Barriga Verde e Manuel María de teatro, da AGADIC, o Repsol de Novela en 2017; o Anxel Fole de Narrativa Curta do Concello de Lugo, en 2019 ou o Carlos Mosteiro de Literatura Infantil e xuvenil do Concello da Pobra do Caramiñal, en 2019.

Comentarios