'O negociador', 'Seres queridos' e 'Tritón', lemas dos finalistas ao Xerais de Novela

A persoa gañadora darase a coñecer o sábado 11 de decembro.
As esculturas que levan as e os premiados. (Foto: Xerais)
photo_camera As esculturas que levan as e os premiados. (Foto: Xerais)

Co ano próximo a rematar, sucédense as resolucións de distintos certames de escritura na Galiza. No entanto, o novo palmarés dun dos máis prestixiosos do país, o Premio Xerais, non se coñecerá até este sábado 11 de decembro. No entanto, xa se poden facer quinielas de quen terá o recoñecemento porque a editorial Xerais trasladou esta terza feira cales son os lemas baixo os que se esconden as ou os finalistas da XXXVIII do Premio de Novela. Así mesmo, trasladou información sobre o Jules Verne de Literatura Xuvenil e o Merlín de Literatura Infantil.

Os nomes das autoras e autores dos finalistas ao Premio Xerais de Novela non se coñecen, mais elas e eles poden saber desde esta terza feira que concorren a gañar un dos galardóns literarios de máis historia da Galiza. É así porque o xurado comunicou os lemas baixo os que foron enviadas as tres obras finalistas: "O negociador", "Seres queridos" e "Tritón".

Ao certame concorreron este ano 44 obras, mais o xurado decantouse por estas tres, da que sairá unha soa, que levará aparellado un premio de 10.000 euros, este mesmo sábado día 11. 

As persoas integrantes do xurado nos que recae a decisión final son a filóloga e tradutora María López Suárez; a divulgadora científica e colaboradora de Nós Diario Iria Veiga; o xornalista da TVG Francisco Novo; a creadora audiovisual Irene Pin; a profesora de ensino secundario Rosalía Grandal; e Xosé Manuel Moo en representación de Xerais, con voz pero sen voto.

Por outra parte, no XIII Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, ao que se presentaron 14 orixinais, quedaron catro obras entre as que se elixirá unha esta semana para comunicar a conclusión igualmente o sábado 11. 

Neste caso, os lemas baixo os que se atopan as pezas mellor valoradas son "Cráter", "Elefante", "Irracionais" e "Meirás". A gañadora ou gañador levará igualmente 10.000 euros e, aliás, o seu libro verá a luz baixo a colección correspondente. 

No caso do XXXVI Merlín de Literatura Infantil foron escollidas as propostas que levan por título nas candidaturas "Fóra a alma", "O neno de lume" e "Protectora de espíritos". Ao igual que nos casos anteriores, Xerais outorgará á escritora ou escritor vencedor unha contía económica de 10.000 euros.

Os resultados finais das deliberacións poderán verse en streeming, para coñecer quen colle o relevo de Coidadora (María Marco); A folla azul (Andrea Maceiras) e Santoamaro (Antonio Manuel Fraga), respectivamente. 

Comentarios