AELG

“É necesario normalizar entre os escritores os debates de contido político”

Pontevedra acolle o debate do Parlamento de Escritoras sobre liberdades e dereitos civís, con voces da Galiza, Portugal, Euskal Herria e Catalunya.

aelg parlamento de escritoras

“Este encontro sirve para abrir un camiño para normalizar nos escritores os debates de contido político”, explica Cesáreo Sánchez, presidente de AELG, sobre o Parlamento de Escritoras en conversa con Sermos Galiza. “O escritor non pode ser un estraño á realidade”, engade, para apostar na “responsabilidade ética e social” das escritoras e escritores, nomeadamente en contextos onde hai un retroceso en dereitos e liberdades.

O Parlamento de Escritores que se desenvolve esta sexta feira e sábado en Pontevedra -co apoio do Concello de Pontevedra e mais do Centro Español de Dereitos Reprográficos (Cedro)- debateu, falou e tratou sobre liberdades civís, dereitos nacionais, feminismo, patrimonio, migracións.... Voces galegas mais tamén de Portugal, Euskal Herria e Catalunya, “todas cun común denominador, como a importancia da lingua ou a importancia de construír territorios de creación e de esperanza para os pobos”, afirma Sánchez.

Houbo chamadas a non caer no derrotismo e apelacións a, desde a propia sociedade, erguer ferramentas e medios sen agardar polas institucións. “E en todo, sempre presenta a importancia da lingua”, resalta o presidente da AELG.

O Pazo Mugartegui acolleu esta sexta feira as primeiras actividades. Liberdades civís e dereitos nacionais foi a mesa redonda de apertura e nela falaron a ensaísta galega Carme Adán, a narradora vasca Laura Mintegi e novelista catalá Clàudia Pujol. Durante o Parlamento, debates sobre Violencia institucional, violencia estrutural na sociedade; grupos de traballo sobre feminismos e indentidades, língua e patrimonio cultural; ou medios de comunicación.

O Teatro Principal será escenario da “lectura e debate” das achegas dos grupos de traballo e mais un “acto literario e musical” de clausura. Presentado por Aldaolado, nel estarán Manuel Rivas, Antía Otero, Xosé María Álvarez Cáccamo, Tamara Andrés, Marica Campo, Berta Dávila, Estíbaliz Espinosa, Antonio García Teijeiro, Eli Ríos, Xavier Seoane e Rafa Vilar.

Comentarios