Néboa esvae as fronteiras do pop-tradicional

Na brétema as liñas continuas desaparecen e a paisaxe torna amalgama de formas difusas. Dificilmente podería atopar Néboa mellor nome para a súa procura doutras sonoridades, afastándose dos límites con vontade transgresora, para desafíar as estruturas do jazz conciliándoo cun pop de pegada electrónica, que rescata tamén trazos da música tradicional, devolvéndolle, se cadra, a esencia máis popular en lóxicas contempóraneas. Destas e moitas outras capas componse 'A realidade enganosa'.

Néboa son Lucas De Centi, Sandra Pérez Míguez, Aloia López Ferro, Jacobo García Lafuente e Tomás Porteiro Abuín.
photo_camera Néboa son Lucas De Centi, Sandra Pérez Míguez, Aloia López Ferro, Jacobo García Lafuente e Tomás Porteiro Abuín. (Foto: Nós Diario)

Ao abeiro de Raso Estudio, o primeiro LP de Néboa chega xusto para fechar o ano como un dos lanzamentos máis interesantes da paisaxe galega. O selo que respalda proxectos como Baiuca ou Aliboria edita este primeiro álbum da banda logo dun EP e varios singles, que ofrece unhas coordenadas difusas que esvaen na liña borrosa do horizonte. Porque a música, como a brétema, non entende de fronteiras trazadas con escuadra. Indietrónica, a tradicional, jazz de vodevil, pop alternativo con vontade internacionalista ou canción de autor converxen con delicadeza neste A realidade enganosa.

Conta Lucas de Centi que o obxectivo sempre foi lanzar un disco, mais que o proceso non foi o dunha "obra conceptual". O que une as cancións ten máis a ver coa súa propia identidade como banda, "unha construción musical con características parecidas". Ademais del, interpretan as pingas suspendidas nesta particular néboa sonora Aloia López Ferro, Jacobo García Lafuente, Tomás Porteiro Abuín e Sandra Pérez Míguez.NÉBOA album cover

O que os define non está, como parece expectativa no pop, di De Centi, na temática das letras ou nun ambiente. "No noso caso atópase máis en certo tipo de harmonías", opina, "sempre foi un dos obxectivos expandir as fronteiras da música pop e transgredir 'pecados' no jazz".

A tradición pop

A isto cómpre sumar a pegada de sonoridades tradicionais. "Mete agora Cé Tangana un pasodobre nun tema e parece a fusión máis orixinal do mundo", comenta o intérprete, aludindo a que isto non é inventar a pólvora. Eles traballan a mestura con humildade. Agás por Sandra Pérez, -"a que nos pon firmes"- os coñecementos do tradicional son máis ben superficiais. "Eu estudei percusión, pero os ritmos tradicionais formaron parte da miña vida e da miña infancia de maneira totalmente espontánea", di.

"Mete agora Cé Tangana un pasodobre nun tema e parece a fusión máis orixinal do mundo", comenta o intérprete, aludindo a que isto non é inventar a pólvora

"Xa levamos moito intentando facer pop por enriba dunha muiñeira", engade. E se cadra aí abrazan con esa "actitude máis pop posíbel" a esencia da música tradicional como popular, aquela práctica non regrada que inundaba todas as facetas da vida. "Un dos grandes problemas da música popular, xa sexa pop ou tradicional, é que ás veces temos unha tendencia a intelectualizalo todo", que para el pode "cortar un pouco as ás".

"Un dos grandes problemas da música popular, xa sexa pop ou tradicional, é que ás veces temos unha tendencia a intelectualizalo todo", que para Lucas de Centi pode "cortar un pouco as ás"

Estre os terreos que explora Néboa sen complexos, De Centi admite que "introducir a electrónica foi o máis difícil nestes oito anos que levamos tocando xuntos". A súa paixón por este estilo vén de lonxe, pero incorporalo supuña un desafío que acabaron asumindo en colectivo. O resultado coidado atribúeo á produción de Hevi e Brais Ruibal, agradecendo ao tempo o apoio de Susana Nunes e João Neves, a quen tamén podemos escoitar nos coros. "Até pouco antes do disco traballaba coa versión de proba dun programa de facer electrónica", confesa De Centi.

Coller doutros

Hai tamén certa reelaboración sobre letras tradicionais, aínda que sexa como punto de partida. Deste modo, o single "Coidar dunhas colmeas" comeza cunha variación sobre os coñecidos versos do "Alalá das Mariñas" –"Unha casiña branca / na mariña entre os loureiros / co teu amor e unha barca / ter o ceo"–, para logo internarse nas súas propias inquietudes: "Debería bastar con iso", cantan.

Sen querer facer un traballo interdisciplinar, Néboa incorporaba tamén versos de Ángel Valente ou até unha interpretación teatralizada na faixa "Sácame do centro". A palabra espida, coa forza na voz da actriz Carlota Mosquera, afirma nun potente monólogo: "Eu son o meu inferno". Son verbas tiradas do cómic The Nao of Brown (Glyn Dillon, 2012), onde os pensamentos da protagonista ofrecen a chave temática do disco, que condensa o título.

Esa "realidade enganosa" que é o propio mundo "ao que nos enfrontamos cada día e por moito que queiramos nunca imos poder percibir obxectivamente, sempre vai ser unha experiencia subxectiva". Desde sobredimensionar problemas ao cumio dos enganos con Internet, abrollan as inquedanzas sobre a percepción e os seus limites, sen escatimar en cadencia lírica.

Se queres seguir a ler só tes que ir ao quiosque máis próximo polo Nós Diario ou facer a compra na nosa loxa online. Que non che volva pasar isto: tramita xa mesmo a túa subscrición!

Comentarios