Os neandertais empregaban a Cova de Eirós para breves estadías “enfocadas á caza”

A campaña de excavación no xacemento de Triacastela puxo o ramo con novos achados. como numerosas puntas e lascas 'Levallois'

Cova eirós

A pasada semana concluíron os traballos de escavación no xacemento de Cova Eirós (Cancelo, Triacastela), que comezaran o 5 de agosto ao abeiro do convenio asinado entre a Universidade de Santiago de e a Consellaría de Cultura, que achegou 30.000 euros para os traballos de escavación, investigación e documentación. O descubrimento de máis de dous mil restos arqueolóxicos axuda a botar luz, informa a USC, “sobre un dos períodos menos coñecidos da Prehistoria galega, o Paleolítico medio”.

A intervención na Cova de Eirós está dirixida polo Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noreste (GEPN) da USC, en colaboración co Institut Català de Paleoecologia Humana i Evolució Social (IPHES) de Tarragona. A Cova de Eirós é un dos poucos xacementos que contén restos de ocupacións de dúas especies de homínidos diferentes, os neandertais e os Sapiens.

Paleolítico

O xacemento está nunha cavidade calcaria, o que permite a conservación dos restos orgánicos. En Galiza os xacementos da época dos neandertais son escasos e Cova Eirós é, ademais, “o único para este período do Paleolítico onde achamos ferramentas e fauna asociada”, explica a Universidade compostelá.

Na campaña do presente ano os traballos centráronse na investigación dos dous niveis máis antigos, datados entre 84.000 e 120.000 anos. Recuperáronse numerosos obxectos, “a maioría restos de ferramentas líticas e de fauna correspondentes a varias especies”. Polo tipo de restos atopados, as ocupacións neandertais poden relacionarse “con estancias curtas e breves, enfocadas á caza e procesado das presas da contorna, ademais doutras actividades como a talla de cantos de seixo procurados nos ríos próximos ou o traballo de peles”. Estas ocupacións poden relacionarse “posiblemente con paradas durante o tránsito destes grupos de cazadores recolectores polos seus amplos territorios”.

Complexidade

Para a USC o máis salientable é o achado de numerosas puntas e lascas 'Levallois' “fabricadas nunha cuarcita de moi boa calidade que trouxeron con eles ao interior de Cova Eirós. A ausencia de núcleos ou restos relacionados coa talla deste material no xacemento indícanos que estas ferramentas foron fabricadas nos lugares onde se abasteceron desta materia prima, aínda por determinar, e logo levadas ao xacemento para ser usadas”.

A fabricación destes elementos, algúns deles en seixo, “amosaría a complexidade tecnolóxica dos neandertais de Cova Eirós, xa que este método implica unha coidada planificación e predeterminación no proceso”.

Comentarios