Entrevista

Natividad Bermejo: "O proceso creou un sentimento de comunidade"

A profesora de Belas Artes Natividad Bermejo fixo un obradoiro artístico coas Mulleres do Mar de Arousa
As Mulleres de Mar de Arousa cun dos obxectos resultado do obradoiro (Xose Luís Alonso)
photo_camera As Mulleres de Mar de Arousa cun dos obxectos resultado do obradoiro (Xose Luís Alonso)

A profesora da Facultade de Belas Artes de Pontevedra Natividad Bermejo desenvolveu un proxecto artístico cun grupo de mariscadoras pertencentes á Asociación de Mulleres do Mar de Arousa. Baixo o título de 12 mulleres do mar. Vilanova de Arousa, a actividade levou ás participantes a elaborar, nun obradoiro experimental no que crearon obxectos escultóricos que reproducen en gran formato o símbolo da muller, coas cunchas como materia prima. 

Cal é o obxectivo deste proxecto?

Este proxecto nace para unha exposición que iamos facer en Cuba 15 artistas galegas e 15 locais, desde aquí, vencellada coa facultade de Belas Artes. A mostra ten un carácter feminista, polo que pensei en facer algo relacionado coas mulleres de aquí. Eu son profesora de Arte e Espazo Social, por iso se me ocorreu que sería pertinente traballar con grupos de mulleres creando símbolos que lles servisen a elas para fortalecer uns lazos na comunidade e para representalas. Con tal fin, seleccionei unha asociación de mariscadoras polo intención feminista que tiña, Mulleres do Mar de Arousa, e quixen involucralas traballando cun material que fose para elas fácil de localizar, as propias cunchas, recollendo tamén a relación deste obxecto cunha tradición galega de artesanía tanto en arquitectura -lembremos as fachadas que temos de cunchas pegadas- como de fabricación de cousas. A partir de aí xurdiu o obradoiro, no que non me interesaba tanto a realización dos obxectos finais, aínda que si procurei facer algo co que se sentisen involucradas. Porén, o prioritario era crear un sentimento de comunidade e de participación. 

Digamos que o máis importante era o proceso.

Si, mais tamén os obxectos que creamos -un foi o símbolo da muller e outro un logotipo que representaba a súa asociación. Intentei que fose algo que lles interesase, por iso mantivemos tamén unha reunión previa. Ademais, poderán darlle uso a eses obxectos, en congresos ou na participación na manifestación do 8-M. Foi unha cousa de arte colaborativo. Tamén lles pode servir para animarse a facer outro tipo de actividades xuntas. Nese senso, funciona como un interruptor para crear situacións e novos proxectos, tanto para elas como para min. Como eu dou aulas de Arte e Espazo Social, este tipo de relacións que vou estabelecendo traen novas ideas para futuros traballos co alumnado e para abrir campos de relación con outras comunidades. 

Que considera que lles ofrece ás participantes?

Eu a elas ou elas a min? É un intercambio mutuo. Por exemplo, eu aprendo moito, coñezo outras realidades ao saír do estudio. Pola súa banda, elas tamén aprenden ao realizar o obradoiro, á parte de a traballar con este tipo de artesanía, créase, como che comentaba, un vínculo de comunidade. Proponse unha actividade fóra do eido laboral, algo lúdico e artístico que é interesante. Este proxecto pode involucrar outros colectivos. Pensei en colaborar con diferentes tipos de mulleres traballadoras creando distintos obxectos simbólicos con materiais que elas empregan. No campo da Galiza, que está moi vencellada ao mar, podería trasladarse a redeiras, conserveiras... Pero tamén outro tipo de traballos que tradicionalmente foron femininos. A partir deste obradoiro créase un vínculo a maiores e elas séntense orgullosas do que fan. 

Foi complexo ese proceso de creación colectivo?

Hai detrás un proceso grande de recollida, no que todas teñen unha participación importante. Tamén recollemos outro tipo de materiais como luvas, ou fixemos fotografías, un pouco performáticas. Igual elas non teñen o concepto de performance como alguén vencellado á arte, mais ao tirarmos a imaxe todas xuntas pode ter un significado especial, un pouco como un happening. Tampouco é cun obxectivo directo. É unha maneira aberta de traballar, pois no proceso entran as cousas que van acontecendo. Eu, cando vaia a Cuba, non podo levar os obxectos que realizaron, porque son enormes. Pero podo coller unha mostra de fotografías ou dalgunhas cousas que fixemos en grupo. Talvez os guantes, ou unhas poucas cunchas, como un obxecto que sempre posúe un poder evocador maior. Ou compleméntanse. 

Comentarios