Entrevistamos Antía Yáñez

"Na narrativa galega necesitamos historias máis millenials"

A continuidade histórica do patriarcado estrutura Senlleiras (Galaxia, 2018), a primeira novela de Antía Yáñez (Burela, 1991) dirixida a público adulto. A obra traza un relato de mulleres oprimidas pero que pelexan contra a opresión. Premio Illa Nova, desprégase con maneiras de thriller e ecos de novela negra. “Faime moita ilusión cando me din que a novela engancha”, confesa. Eis un extracto da entrevista publicada no número 309 de Sermos Galiza.

[Imaxe: Conchi Salgado] Antía Yáñez
photo_camera [Imaxe: Conchi Salgado] Antía Yáñez

5-17.23.14Senlleiras é a súa primeira novela dirixida a un lectorado adulto. Por que esa mudanza?

Eu comecei co relato curto e o seguinte, co que me atrevín a dar o paso, foi a novela O misterio de Portomarín (Galaxia, 2016). Era un tema que coñecía. Comecei a escribila sen pensar moito no destinatario. E quedou para nenos sen pretendelo. Pero creo que se poden tratar todos os temas para adultos ou para rapaces. Cando se tratan para rapaces, iso si, hai que coidar moito o vocabulario. Senlleiras ás veces é un pouco cruenta e quedou moi para adultos. Digamos que case que non o fixen querendo.

Á hora de sentar a escribir non decide previamente o destinatario?

Ás veces depende do que queira profundar no tema. O misterio de Portomarín era un misterio e non quería analizar en profundidade a época do franquismo, cando se construíu o encoro. Si quería explicar que foi o franquismo para os nenos que non o saben. Cando estudamos historia no instituto chega o franquismo e remata o curso. Casualmente. Daquela, intentei explicar cousas de adultos para nenos. En Senlleiras quería explicar, e tamén a min mesma, por que unha muller maltratada segue co maltratador e non é capaz de rachar con ese círculo vicioso. Explicar iso aos nenos é máis complicado. Moitas veces buscando explicacións ás cousas é cando decido se unha novela vai para un público determinado ou para outro.

Como autora nova, que bota en falta na narrativa galega?

Esta é unha pregunta moi profunda sobre a que aínda non meditei demasiado. Na narrativa galega necesitamos historias máis millenials. Eu teño lido moita literatura galega, pero fáltame ler libros con preocupacións de xente nova. O típico de meter na novela un whatsapp nunca o vía. Noutras linguas si, porque hai máis escritores. Por exemplo, na literatura en castelán, na que xa hai novelas escritas por xente nova que meten novas problemáticas, xente que se criou con móbiles desde que son pequenos. Faltan na literatura galega. Non sei se hai unha fenda xeracional ou que. Eu aprendín moito de xente que me leva moitos anos, en Memorias dun neno labrego, ou en Agustín Fernández Paz, a quen lle lin catrocentas cousas. Se un lector novo le unha historia onde o adolescente protagonista non ten un móbil, vaille chocar. É por onde me estou decantando eu, por actualizar os temas. Estamos xurdindo voces novas que imos actualizar os temas.

[Podes ler a entrevista íntegra no número 309 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios