Narf e a súa "intensa relación co teatro"

Fran Pérez, daquela aínda non era Narf, mantivo unha intensa relación co teatro que lle durou toda a vida. 

narf-chevere
photo_camera Branca Cendán, Xesús Ron e Fran Pérez nos comezos de Chévere. [Foto: Branca Cendán]

Branca Cendán -actriz directora e ex responsable do CDG- cóntanos que o músico formou parte do equipo fundador de Chévere xunto con ela mesma, Miguel de Lira, Xesús Ron e Pepe Sendón. Todo comezou no coñecido pub compostelán Atlántico, que funcionou como auténtica lanzadeira da compañía que logo levaría o Premio Nacional de Teatro. A oficina primixenia de Chévere estaba xusto enriba do pub. 

É a época de Nicho Varullo, actividade que Fran Pérez compaxinaba co teatro. Fíxose cargo da banda sonora de 'Río Bravo', aquel exitosísimo espectáculo de Chévere. El poñía a música e Pepe Sendón a letra, nunha alianza que daría vizosos resultados nos seguintes anos. Desde entón e até o 1998 esta parella asina a música de Chévere, ademais de fundar a Sala Nasa en 1992, xunto co resto da compañía. 

Nas viaxes a festivais internacionais con Chévere, Pérez entra en contacto co mundo lusófono, especialmente a través do Festival Internacional de Tondela. Froito disto Chévere remata presentando 'Annus horribilis' en Maputo (Mozambique), feito que leva ao músico a conectar con músicos locais e a interesarse polas músicas africanas. De aí xurdiría despois o proxecto Bumba cos Timbila Muzimba en 2005, que logo recuperou para presentar no Womex 16 o pasado outubro. 

Á marxe das composicións e de tocar en directo nos espectáculos (a maioría das obras de Chévere son musicais), Narf ten participado tamén como actor en numerosas obras desta compañía. A última, na 'Ópera dos tres reás' dirixida por Quico Cadaval e protagonizada por Luís Tosar na época en que Branca Cendán guiaba a compañía pública galega. 

“Fran é o amigo e compañeiro co que todo o mundo quere traballar. Ademamais do seu talento creativo, é moi xeneroso e xera bo rollo ao seu redor”, conta Cendán, que aínda fala del en presente.