Narf e aCadaCanto, novas voces para Rosalía

Nas tardes escuras de Narf e A Rosa d´Adina de aCadaCanto sumarán dous traballos máis arredor de Rosalía de Castro. Súmanse neste ano aos recentes traballos de Najla Shami, Uxía ou o próximo de Tempo Catro. 

aCadaCanto
photo_camera aCadaCanto

No claustro da catedral de Tui foi gravado A Rosa d´Adina o segundo disco de aCadaCanto co que o grupo revisita a obra de Rosalía de Castro. Na propia catedral foi onde, nun concerto celebrado o sábado, deron a coñecer o seu novo traballo producido por Músicas de Salitre en colaboración con Música no Claustro, ciclo no que incluíron un concerto que entusiasmou o público. O grupo composto por Guadi Galego, Xabier Díaz, Guillerme Fernández e Xosé Lois Romero volve aparecer de forma sorpresiva para cantar a Rosalía nun intenso e novo traballo que se publicará proximamente. 

Alén de aCadaCanto, tamén Fran Pérez, Narf, ten como novidade un disco dedicado á fundadora da literatura galega contemporánea cando se fan 150 anos da publicación da obra inaugural Cantares Gallegos. Nas tardes escuras, publicado por El Patito Editorial, inclúe doce cancións que o músico constrúe a partir de poemas de Rosalía. 

Os novos traballos discográficos de Narf e aCadaCanto engádense á obra musical creada arredor da poesía de Rosalía de Castro neste ano especialmente prolífico. Nos últimos meses, despois de Rapoemas nos que Aid leva os seus versos a ritmo de rap, Uxía sorprendeu cun Rosalía pequeniña co que achega os poemas rosalianos á xeración cativa e, nesta pasada semana, a cantante Najla Shami anunciaba a saída de Na lingua que eu falo, a súa particular homenaxe á autora a través dun libro-cd gravado de febreiro a marzo de 2013 en Compostela con temas como “Pasa río, pasa río”, “Tecín soia”, “Ora en ti penso”, “Aló nas tardes” ou “Na lingua que eu falo”, ou outros nos que se adentra no universo rosalián como “Quero ver o mar” no que se recrean os derradeiros días da súa vida. 

Na listaxe de iniciativas novas arredor da poeta atópase a nova de Tempo Catro Rosalía de Castro: Os ollos que falan, unha iniciativa que nace a proposta da Asociación Socio-Pedagóxica Galega a través da Sociedade Cultural Medulio de Ferrol e que verá a luz en breve. 

Comentarios