Nao presenta documental e prepara o seu álbum despedida como grupo

A banda da Estrada vén de estrear un segundo documental dunha triloxía, tanto audiovisual como musical, que supón a súa despedida como grupo en 2018. [Vídeo no interior]

nao2
photo_camera Tres dos compoñentes de Nao -Jasper no medio- na entrega dos Premios Martín Códax da Música en 2014

Onte Nao presentaba nos ateigados cinemas Compostela 'Apocalipse Nao II', a segunda parte dun triple documental que quere deixar o seu testemuño do seu paso pola música galega, e que xa se pode ver en aberto no Youtube [ver abaixo]. En 2015 anunciaron unha despedida programada, que constaría de tres filmes e tres discos, e en 2016 xa entregaron dous dos traballos, 'Soñar' e 'Crear'.

Eles mesmos recoñecen que o queren deixar no seu mellor momento: "Os grupos normalmente desfanse porque cansan, porque se levan mal ou porque non teñen éxito", explica Jasper, líder da banda. "Non é o noso caso, nós é que vimos que non hai outro escalón, hai un momento en que a profesionalización no que estamos facendo é evidente, e ao mesmo tempo, é unha profesionalización que non nos dá para vivir. E plantexámonos que en vez de seguir mantendo o grupo e tocar menos e baixar o pistón, nós preferimos ir até onde cheguemos, sempre cara arriba, sempre intentando dar o mellor de nós: facer mellores discos, mellores directos, mellores vídeos. E preferímolo facer así, que isto estoupe canto máis arriba estea. A data final que lle poñemos é a finais de 2018, que é cando nos dea tempo a presentar o terceiro disco desta triloxía, o derradeiro que faremos". 

Jasper: "Preferímolo facer así, que isto estoupe canto máis arriba estea. A data final que lle poñemos é a finais de 2018, que é cando nos dea tempo a presentar o terceiro disco desta triloxía, o derradeiro que faremos"

Jasper ri cando se lle pide unha valoración da traxectoria: "A verdade é que fixemos o que quixemos facer, cumprimos un soño, especialmente polo que significou para a xente e que nos veu dado de volta. O que nós fixemos, todo o que o noso público nos devolveu e esa comunión que temos con eles, esa gran familia de Nao. Se me teño que quedar con algo disto, quedaríame cos vínculos e coas amizades que creamos con esa idea de colectivo".

No documental el mesmo recoñece que aspira a deixar un pouso na historia do país, non só na historia da música galega, grazas a seren unha banda "underground, sen subvencións e sen padriños". E explícao: "Si, ben sei que é unha expectativa moi alta, pero penso que en certa medida xa se conseguiu. Creo que a nosa banda fixo cousas que até o momento non se fixeran. Somos unha banda moi politizada e sempre que houbo bandas así non tiveron un especial éxito. Pero nós somos un grupo moi politizado e á vez un grupo de masas con moitos siareiros e siareiras que nos seguen. E iso xa vai quedar na historia da música galega. 

Jasper: "Creo que a nosa banda fixo cousas que até o momento non se fixeran. Somos unha banda moi politizada e sempre que houbo bandas así non tiveron un especial éxito". 

Preparación para a despedida

O vindeiro 3 de marzo despedirán a xira do dobre álbum na sala Capitol de Compostela. E logo tomarán un tempo de descanso para preparar o terceiro disco -e derradeiro- da triloxía-despedida. "Este ano queremos ter un ano tranquilo, pechar a xira na Capitol, e logo encerrarnos para compoñer. Queremos facelo con moita calma, porque nunca paramos, e neste caso quixemos parar, reflexionar e compoñer un último disco grande, con moitos temas".