Nun concerto solidario

Nao, Os Novos e Pauliña, esta sexta no Pichel

Esta sexta feira 29 de marzo A Gentalha do Pichel acolle un concerto solidario co movemento antifascista do Donbass que contará coa presenza de Nao, Os Novos e Pauliña.

foto_NAO_DISCO-PHOTOSHOP-(3)
photo_camera Nao, Os Novos e Pauliña tocan o 29 de marzo no Pichel

Esta sexta feira 29 de marzo no centro social compostelán A Gentalha do Pichel, as 21.30 horas, terá lugar un concerto solidario antifascista. Tocarán Nao, Os Novos e Pauliña. A actuación enmárcase dentro da campaña Caravana Antifascista, do grupo de ska italiano Banda Bassotti. Os cartos recadados pola actuación serán destinados á compra de material sanitario e de uso para un orfanato de guerra no Donbass.

Donbass é o nome polo que se coñece o territorio composto polas antigas provincias ucraínas de Donetsk e Lugansk, que proclamaron a súa independencia e se estabeleceron como repúblicas populares en 2014, logo de que os disturbios do movemento proeuropeísta e ultranacionalista Euromaidán derrocasen o presidente electo en Kiev Víktor Yanukóvich.

O grupo italiano Banda Bassotti iniciou no seguinte ano 2015 unha Caravana Antifascista, con intención de mostrar a súa solidariedade internacionalista coas poboacións do Donbass, sumidas nunha cruenta guerra desde entón.

O grupo de rock estradense Nao atópase metido de cheo na súa xira de despedida, logo de catorce anos en activo. O seu proxecto musical chega á súa fin coa presentación do seu derradeiro disco "Ata que o lume se apague". Estarán acompañados da banda de rock compostelana Os Novos e a cantautora cambadesa Pauliña.

As entradas pódense mercar de modo anticipado no correo [email protected] ou á venda física no centro social O Pichel (rúa Santa Clara, 21, Santiago), por un custo de dez euros. En billeteira o prezo é de catorce euros. 

Comentarios