Nao lanza dous novos traballos pensados como "pezas dun puzzle"

A banda presentou en Compostela os seus novos discos, Soñar que pode descargarse de balde na súa web e Crear que pendurarán o día 26 de abril. 

NAO

NAO volve e por partida dupla. A banda de rock galego que se sitúa como un dos referentes do panorama actual no país, presentaron no serán do 19 de abril os dous discos que compoñen o novo traballo. En total nove pezas musicais concibidas como "pezas de puzzle", explicaron aos medios de comunicación, as salas e un reducido grupo de fans que puideron escoitar con antelación cada unha das cancións explicadas polos propios integrantes do grupo. 

"NAO é unha banda fundamentalmente de cancións nas que a música está ao servizo das letras"

Jasper, Mos e Gus debullaron polo miúdo a experiencia vivida durante o proceso de creación e gravación de ambos os dous traballos a cabalo entre Galiza e Euskal Herria. 

A banda mantén o seu selo de identidade mais tamén introduce "sen complexos" novos sons que aproximan algúns dos temas ao rock&roll máis clásico ou ao folque. 

As súas letras alicérzanse, como nos seus anteriores traballos, en mensaxes e reflexións arredor do dereito á vivenda ou a equidade na diversidade. Porén, apelando de maneira constante ao espírito de resistencia popular que caracteriza tamén a banda. 

"NAO é unha banda fundamentalmente de cancións nas que a música está ao servizo das letras" ideadas pola súa voz e guitarra Jasper, explicou o tamén guitarra Gus. 

Dúas pezas para un puzzle

En Soñar focan un dos temas, Encadeado no portal, á historia de Roberto Rivas, o bombeiro da Coruña que rexeitou rachar as cadeas da porta de Aurelia Rei declarándose así insubmiso aos despexos. "Foi un galego o primeiro bombeiro do Estado español quen se negou a cortar as cadeas", subliñou Jasper. Para alén diso, o "amor e a revolución" ou a "complexidade das relacións humanas" son algunhas das cuestións que centran o contido das súas letras. 

Soñar pode descargarse de balde na súa web e Crear lanzarase o 26 de abril á rede

Este disco pode descargarse desde a xornada de onte de balde através do seu portal web como xa fixeran co seu traballo anterior Cartas no caderno. 

Para escoitar Crear haberá que agardar algo máis, até o 26 de abril cando será distribuído tamén através do seu portal web. O proceso de produción desta segunda peza, composta por cinco cancións, decorreu en Garate, Euskal Herria, da man de Kaki Arkarazo (Kortatu, M-ak). En analóxico para que a "xente nos vise como somos, coa cara limpa", explicaron. 

Un traballo duplo, afirman, concibido como "pezas dun puzzle" que permitan tecer un "fío" tamén no directo embora introduciren novos estilos musicais. 

As cancións estarán disponíbeis na plataforma de Cancións en galego en versión karaoke á espera de que as persoas seguidoras de NAO as canten nunha xira de presentación que ten xa as primeiras datas. 

  • 29 de abril. Ourense. 
  • 30 de abril. Melide. 
  • 13 de maio. Compostela. 
  • 16 de maio. Vigo. 
  • 20 de maio. A Coruña. 
  • 28 de maio. A Estrada 

Comentarios