Nani García, camiño do Oscar

É un nome básico da historia do jazz galego. E desde hai uns anos un compositor reputado de bandas sonoras. Está nos créditos de Una mujer fantástica (Sebastián Lelio), o filme chileno seleccionado para o Oscar á mellor fita de lingua non inglesa.

Nani García (Clunia Jazz, Nani García Trío) transita sen problemas desde o planeta jazz até o cosmos da música para o cinema e faino coas mesmas chaves, unha enorme disposición a explorar novos territorios, fóra de todo convencionalismo.

Nunha entrevista en Sermos publicada en novembro de 2014, Nani García puxo negro sobre branco que a súa aposta non é a da música en serie, territorio en que reinan os que el baptiza como "músicos de factoría". O seu ollar é sempre crítico. "Síntome máis cómodo facendo cousas de autor", di.

García -autor da música de De Profundis, traballo polo que gañou o Maestro Mateo e polo que tamén estivo nominado para os Goya en 2007- pon agora rumo ao Oscar, ao participar na composición da banda sonora do filme chileno Una mujer fantástica, película seleccionada pola Academia de Hollywood como mellor fita en lingua non inglesa.

A partitura de Una mujer fantástica asínana conxuntamente Nani García e Matthew Herbert, compositor británico especializado na música electrónica.

Comentarios