Caderno de Verán

Najla Shami: "Temos que ir ao ritmo que a vida nos impón"

Filla das culturas galega e palestina, Najla sempre estivo no mundo da música, fose coral ou tradicional, jazz ou rock ou world music. En formación constante, achegou a súa voz a grupos coma o Coro da Rá ou Os Tristáns até o seu debut en solitario, en 2013, co disco-libro 'Na lingua que eu falo', no que achegaba unha profunda mirada aos poemas de Rosalía. Agora xira con 'Ela sabe a sol'.
najlashami
photo_camera Najla Shami fotografada por Mara Saiz.

—Como está a ser o verán no relativo aos concertos?

Antes do confinamento, coa pandemia, canceláronse moitos bólos e viaxes e agora toca reconstrución e readaptación. Temos no total do verán 5 bólos e dou grazas porque polo menos podemos presentar o novo traballo. Quero que saian cousas pero temos que ir un pouco ao ritmo que a vida nos impón.

—O traballo que está a presentar é 'Ela sabe a sol', por que escolle o libro-disco como formato?

Gústame moito o obxecto en si, son fetichista e gústame implicarme no proceso até o fin e en todos os detalles. E porque me gusta o obxecto quero tamén sacar o traballo dunha maneira que á xente lle guste ter e mercar.

Na noite do 23 de agosto actúo na praza de Armas de Ferrol dentro da programación das festas do verán

—Nos concertos que tivo até agora, cal é a sensación no escenario?

Coido que a peor parte a sofre o público porque non pode moverse, bailar... é iso supón unha falla de expresividade que é necesaria para o 'feedback' cando estás no escenario. E para nós tamén é estrano porque realmente é un formato de concerto exterior cunha platea que é coma a dun auditorio, pero moitísimo máis calada. Basicamente é unha cuestión de 'feedback' e de enerxía. Pero mellor iso que nada.

—Que supuxo para ti, a nível persoal e profesional, o confinamento?

Teletraballei un pouqiño, máis ben coas clases que imparto, e tamén din 4 concertos online. Pero o importante sempre é acompañar e entreter a xente. Os artistas, en xeral, temos esa natureza. Nese senso o confinamento foi bo, eu paseino ben porque estou afeita a estar na casa e como artista son unha persoa que alimenta a soidade para traballar. A nível persoal e de traballo tiven tempo de crear e xogar e foi moi bonito. 

—Que novos proxectos ou espectativas ten para rematar o ano?

Proxectos, de momento, rematar o verán cos concertos que temos, o 23 de agosto actúo en Ferrol,  e dar grazas. Cara ao outono non hai nada porque hai moita incertidume e a xente está a ser moi cauta á hora de programar e ademais faino moi enriba da data. E espectativas, espero que o outono ou o ano que vén se constrúan con certa normalidade. Nós, desde o cultural, traballamos con Cultura Segura e de forma supereficaz. 

Comentarios