Máis

Oito nacións celtas fan bailar Ortigueira

Alana, Cúig, Scottish Fish, Buíoch, Picarós e Bagad Brieg abren o festival.

Banda de Gaitas de Ortigueira na súa actuación na edición de 2022. (Foto: Festival de Ortigueira)
photo_camera Banda de Gaitas de Ortigueira na súa actuación na edición de 2022. (Foto: Festival de Ortigueira)

O Festival do Mundo Celta de Ortigueira comeza quinta feira a súa nova edición e prolongarase até o domingo. Tras alcanzar o pasado ano máis de 100.000 asistentes, a organización do festexo reúne novamente artistas de oito nacionalidades distintas na vila para desfrutar de catro días de música sen interrupción.

Son 44 anos de historia os que ten ás súas costas o Festival do Mundo Celta de Ortigueira, referente no panorama folk. A celebración nace en 1978, a través da Escola de Gaitas de Ortigueira  -fundada dous anos antes- que buscaba unha nova forma de achegar e conectar as distintas culturas celtas para a aprendizaxe do seu alumnado. Atoparon o modo nunha viaxe á Bretaña. Nela, membros desta Escola de Gaitas e o seu presidente naquela altura, Xavier Garrote, viron no Festival Intercéltico de Lorient o modelo ao que aspiraban. Esa foi a semente do celebrado esta quinta feira en Ortigueira  (Ortegal) que soubo traer a medula celtíbera a esta vila, a pouco do remate do franquismo.

O momento

Neste senso, o actual director do festival de Ortigueira, Alberto Balboa, apunta a Nós Diario, a conxunción de varios factores que marcaron a idoneidade e éxito da celebración, un deles a conxuntura histórica e musical. Tras unha época de eclosión da música galega a finais dos anos 60 e en galego coa aparición de Voces Ceibes (1968) e o Movemento Popular da Canción Galega (1974) e destacando o grupo Fuxan os Ventos, nado en 1972, é cando aparece o festival de Ortigueira, nun momento no que "a xente tiña ganas de liberdade e de movemento" non só político, tamén musical, explica Alberto Balboa. 

Así, esta quinta feira incorpora música celta e de estilo folk "variada, orixinal, de calidade e actual" vidas de oito nacións distintas, entre as que a organización sitúa Galiza, Escocia, Irlanda, Bretaña, Gales, Kernow, a Illa de Man e Asturias. A organización teno claro: aspira a xuntar grupos consolidados con emerxentes e europeos, dando pé ás novas experimentacións e corrente nunha "mestura de tradición con modernidade".

Así, no escenario da Alameda da vila actuarán tanto grupos asentados como novas bandas, coa oportunidade de participar grazas ao Concurso Runas de promoción de grupos noveles e que leva activo desde a edición do ano 2000.

Precisamente deste certame parte unhas das cabezas de cartel deste ano, como é o trío Alana, formado por Antía Vázquez, Eloy Vidal e Pablo Castro, e que mestura ritmos tradicionais acompañados de bases electrónicas ou pop. Ademais, a súa chegada a Ortigueira prodúcese tras gañar o premio Xuventude Crea 2023 na categoría de música e tras presentar o seu álbum O xeito á cántigha.

Ao seu carón tomarán o micro outras bandas como a escocesa Capercaille que, con 84.000 ouvintes mensuais de media en Spotify e unha carteira de 10 álbums de estudo, marcou a historia do cantar gaélico no ano  1992 coa publicación do seu primeiro disco, titulado A Prince Among Islands, e que foi primeiro en entrar na lista de singles do Reino Unido en lingua gaélico-escocesa.. Os Carunchos, ademais, celebrarán os seus 35 anos levando a música popular por toda Galiza.

Asemade, entre o novo e o consolidado aparecen propostas ponte como a das estadounidenses Scottish Fish, con 18,2 millóns de ouvintes mensuais  de media en Spotify. O quinteto de Boston é coñecido pola súa anovadora renovación da música escocesa e bretoa e, especialmente, polas súas enérxicas actuacións que deberá probar no  palco de Ortigueira.

A localización como clave

"A xente atopou en Ortigueira un lugar onde concentrar e reciclar as tensións do momento a través da música", di o director do festival, Alberto Balboa, sobre as orixes do festival

Se o momento supuxo unha casualidade propicia para o devalar do festival, Balboa, en declaración a Nós Diario, tamén indica a conveniencia  do lugar, que acabou por ser "un sitio idílico" para o encontro musical. Entre os motivos citados desde a organización hai de moi variada natureza: desde a "escasa contaminación da zona" á longa distancia cos núcleos de poder, como pode ser A Coruña ou Santiago, a 1 hora e media deste municipio ou incluso de "núcleos urbanos moito máis agresivos". Así escolleuse a tranquilidade  dunha localidade de 5.477 habitantes  á beira do mar, e cunha "zona  natural incomparábel". Entre outros atractivos, Ortigueira presume de contar  cun grande humidal dunhas 3.000 hectáreas, con amplas marismas e charcas intermareais, e é importante vila mariñeira. Ademais de pola calma e a beleza, a xente que chegou ao festival de Ortigueira en 1978 viuse inundada por un ambiente de "compañeirismo e bo rollo" inusual nesa época que principiaba o camiño dunha feble democracia. Por todo, di Balboa, "a xente atopou en Ortigueira un lugar onde concentrar e reciclar as tensións do momento a través da música".

Multietario e de balde

Outra clave do Festival que esta quinta comeza é o seu carácter multixeracional e multicultural. Á xeira celebratoria acoden persoas de todas as idades, en grupo ou en familia en moitos casos e tamén, por xeracións, e poden asistir xuntas a todas as actividades (concertos, entretementos pola rúa...). 

O festival é visto  como unha "experiencia iniciática, que hai que vivir unha vez ao menos unha vez na vida". Por parte do Concello, organizador actual do evento, tentan impulsar a súa celebración para que poida seguir sendo así. Propósito atallado tanto a partir da gratuidade de entrada a todas as actividades (concertos, obradoiros, teatro...) como da economicidade das barras e stands de comida ou a dotación de infraestrutura para as e os visitantes (autobuses gratuítos, aparcadoiros vixiados, puntos de información, etc.). Ante todo, Ortigueira aposta por fuxir dun festival "elitista" e é un evento ao que se pode asistir sen un orzamento avultado.

Un festival recoñecido 

O de Ortigueira é un festival que demostrou ao longo dos anos cales son os seus principios e  cales os seus focos de interese, motivo polo que foi galardoado ao longo da súa traxectoria. Entre as distincións máis destacadas está a de Festa de Interese Turístico Nacional en 2003 e Interese Turístico Internacional en 2005 e tamén e máis recentemente o X Premio Martín Códax da Música en 2022, no que se alzou co galardón da categoría de festivais.

Todos eles son o fuel necesario para seguir a senda construída  durante décadas e para a que non perden un minuto, pois xa están cos preparativos da próxima xeira 2025. 

Comentarios