Nacionalismo e anarquismo, unha relación ignorada

As relacións entre a cuestión nacional e social na Galiza. É un deses traballos que non deixa a ninguén indiferente. A crónica das relacións entre dúas correntes de opinión chave para entender a historia social e política da Galiza contemporánea. Estamos diante de Nacionalismo e anarquismo na Galiza: encontros e desencontros entre liberación nacional, internacionalismo e revolución social (1840-1940 ).

web
photo_camera web

Edicións Positivas lanza o vindeiro 20 de marzo o último traballo de Dionisio Pereira e Eliseo Fernández, referencias inescusábeis nos estudos sobre o movemento obreiro e o anarquismo no noso país. Segundo sinalan a Nós Diario Eliseo Fernández e Dionisio Pereira, “o obxectivo do libro é rescatar unha historia ignorada, como é a das relacións que se estabelecen desde 1840 até 1940 entre dous movementos chave na historia contemporánea da Galiza, como que o nacionalismo e o anarquismo, incorporando este último ao relato do devalar colectivo do país”.

Dionisio Pereira e Eliseo Fernández afirman que “a investigación parte da constatación de que se tiña instalado unha versión maniquea e simplificadora sobre esta cuestión, que reproducía ideas asentadas como a postura absolutamente antinacionalista dos anarquistas ou a escasa relación do nacionalismo coas diversas correntes socialistas. Unhas ideas que estaban completamente estendidas e hipoteticamente fundamentadas na ideoloxía anarquista e no ideario nacionalista, mais que continuamente víamos postas en cuestión pola propia historia”.

Rosalía de Castro, Manuel Murguía e Pierre Proudhon

As achegas das diversas correntes do socialismo utópico pairaron sobre o corpo doutrinal do núcleos protonacionalistas de mediados do século XIX. Así, na opinión de Dionisio Pereira e Eliseo Fernández, “unha cuestión que nos parece relevante é que mesmo podemos situar unha orixe común do nacionalismo e o anarquismo na Galiza na figura de Antolín Faraldo e os seus compañeiros da revista El Porvenir, que son ao tempo iniciadores do provincialismo e precursores do socialismo na Galiza”.

A influencia das posicións de avanzada social na denominada xeración de 1846 xa fora sinalada por diversas investigadoras no ámbito nacional e internacional. A este respecto, Gerald Brenan hai varias décadas, na súa obra clásica El laberinto español, situou a orixe do movemento libertario no Estado no grupo organizado en Santiago de Compostela arredor de Antolín Faraldo. Para Pereira e Fernández, “o alento de Faraldo, influído por Fourier, Proudhon e o galego Ramón de la Sagra, mantívose ao longo do século XIX e deu unha pegada social e socialista á xeración de Rosalía de Castro e de Manuel Murguía”.

O teórico libertario Pierre Proudhon estivo presente na vida de Rosalía de Castro e de Manuel Murguía. Así, este último, tal e como sinalan Pereira e Fernández afirmou que “escribiu a súa obra El Foro (1882) baixo o influxo da famosa frase de Proudhon na que consideraba un latrocinio toda propiedade”. As achegas do anarquista francés foron abundantes na produción de Manuel Murguía, que non dubidou en seguir as posicións do anarquista francés en diferentes artigos arredor do idioma e da forma de organización do Estado, chegando a citalo no seu libro El Regionalismo Gallego.

No tempo das Irmandades da Fala

A etapa política que comezou para o nacionalismo galego coa fundación das Irmandades da Fala abriu novos camiños na súa relación co anarquismo. Neste sentido, Dionisio Pereira e Eliseo Fernández destacaron como “un paso adiante a publicación do ensaio Doctrina Nazonalista de Ramón Vilar Ponte, que defendeu dunha visión progresista, pacifista, democrática e anticolonial do nacionalismo galego”.

As consecuencias prácticas destas formulacións non tardaron en concretarse. Á proximidade co anarquismo de militantes irmandiños, como o poeta Manuel Antonio, sumáronse iniciativas políticas para ligar o nacionalismo coas demandas das maiorías sociais. Neste contexto situouse a decisión da V Asemblea das Irmandades da Fala, celebrada na Coruña en marzo de 1923, onde se acordou a proposta de Xaime Quintanilla e Ramón Vilar Ponte a fundación dunha organización sindical nacionalista, a Confederación Galega do Traballo.

As relacións entre anarquistas e nacionalistas foi intensa neste período na emigración americana. A experiencias como Tempos Novos, xornal en galego de orientación anarquista publicado na Arxentina en 1920 baixo a dirección do xornalista libertario coruñés José Fernández Lourido, engadíronse, en palabras de Dionisio Pereira e Eliseo Fernández, “os ácratas incorporados a aquela fronte nacionalista que xuntaba todas as esquerdas que foi a Sociedade Pondal na Arxentina, de Luís E. Rey ou Manuel Crestar en Cuba, ou de Arturo Carril no Uruguai”.

CNT e Partido Galeguista

Dionisio Pereira e Eliseo Fernández significaron “as conexións entre nacionalistas e anarquistas tomaron forza no período da II República en vilas onde as organizacións do Partido Galeguista e da CNT acadaron a unidade de acción, mediante a presenza dos galeguistas nos sindicatos confederais”. Así as cousas, a organización libertaria operou como sindicato de referencia para a afiliación nacionalista.

Viveiro, Mondoñedo, Tomiño ou A Guarda foron algunhas das localidades galegas onde esta relación foi máis intensa. Así, nesta última vila, os cadros de relevo da CNT remataron por fundar a organización local do Partido Galeguista, ocupando importantes postos de relevo institucional nos meses previos ao golpe de Estado fascista de 1936.

Unha boa parte deles como o alcalde Manuel Noia, o presidente local da CNT Nemesio Álvarez, o secretario do sindicato Elidio Álvarez, o concelleiro Juliano Díez ou os dirixentes mariñeiros Antonio e Ángel Domínguez Pacheco remataron asasinados polo franquismo.

Comentarios