A nación sintetizada nos seus símbolos

Monográfico pioneiro da revista 'Terra e Tempo'
xoana de castro no Panteón Real da catedral de Santiago 2
photo_camera Sartego de Xoana de Castro no Panteón Real da catedral de Santiago. Foto: Galipedia.

Existen imaxes omnipresentes na vida cotiá cuxa orixe é practicamente descoñecida. Figuran en organismos oficiais ou en manifestacións de oposición, en souvenirs kitsch ou en documentos de reivindicación nacional. É o caso do escudo da Galiza, co cáliz e as sete cruces en representación das sete provincias do Antigo Reino. O investigador Heitor Picallo non se resignou e iniciou o rastrexo do símbolo. Nunha pescuda case semiótica dos seus elementos, situou nun armorial inglés de 1282 -o Segar's Roll- "o máis antigo dos símbolos galegos". Ese catálogo de brasóns e armas heráldicas contén 24 escudos, entre eles a do rey de Galyce, "en campo de azur tres cálices de ouro ben ordenados". "Será tal moble heráldico, o cáliz ou copa, o que se conserve durante oito séculos na simboloxía galega", escribe Picallo na súa achega ao monográfico da revista Terra e Tempo sobre "os símbolos da nación galega".

O ensaio sobre o escudo reconstrúe a súa historia ao longo de oito séculos. Desemboca na Lei 5/1984 de símbolos da Galiza, que no artigo 3 di: "[O escudo] trae, en campo de azur, un cáliz de ouro sumado dunha hostia de prata, e acompañado de sete cruces recortadas do mesmo metal, tres a cada lado e unha no centro do xefe". "Moita xente vaise sorprender co artigo de Heitor Picallo", explica a Nós Diario Rubén Cela, coordinador do volume e dirixente do BNG, quen lembra unha visita turística aos Países Baixos en que un guía lle amosara as semellanzas entre o símbolo galego e escudos do lugar.

A idea do monográfico da publicación "de pensamento nacionalista" xurdiu dunha ausencia, a dun libro que repase o xurdimento e consolidación dos símbolos que sintetizan a nación galega. Apenas se poden consultar un tomo do Consello da Cultura centrado en bandeira, escudo e himno actuais, e algúns documentos asociados á Lei 5/1984. "Queriamos facer unha publicación accesíbel e non un superladrillo", expón Cela, "sobre algo tan importante comunicativa e politicamente como os símbolos. Sono para calquera Estado, pero máis para unha nación sen Estado. A falta desta estrutura fai que o descoñecemento sexa aínda maior".

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube

Comentarios