Mostra na Cidade da Cultura

A nación galega de ida e volta

A exposición ‘Galiza, un relato no mundo’ procura entender a nación galega como “unha entidade dinámica en relación coa súa contorna”. O seu comisario, Manuel Gago, xuntou de 300 pezas, algunhas inéditas na Galiza, que contan as historias do país. Eis un estrato da peza publicada no número 372 do semanario en papel Sermos Galiza.
[Foto: Xunta] A 'Santa' de Francisco Asorey

A Biblia Kennicott, alfaia da ilustración medieval, confeccionouse na Coruña. O seu colofón indica que saíu do obradoiro de Moisés Ibn Zabarah o 24 de xullo de 1476, por encargo de Isaac, un prateiro xudeu fillo de Salomón de Braga. O Decreto da Alhambra, asinado polos Reis Católicos en 1492, expulsou as comunidades de xudeus do territorio peninsular. Isaac de Braga escapou da cidade e levou a Biblia canda si. Durante 300 anos pérdese a pista da obra, até que Benjamin Kennicott, responsábel da Biblioteca Radcliffe da Universidade de Oxford, xestiona a súa adquisición. Cincocentos anos despois, verase de novo no seu país de orixe, dentro da exposición Galiza, un relato no mundo, na Cidade da Cultura. 

Máis alá de querenzas bibliófilas e artísticas, a peripecia da Biblia Kennicott contén varias historias. E todas falan de como se constrúen as identidades nacionais, de como se artellan os símbolos comúns, de como se deseñan os relatos que dan sentido cultural ás nacións. Esta é polo menos a tese que defende Manuel Gago (Ribeira, 1976), escritor, xornalista e comisario da mostra que se inaugura este 14 de novembro en Compostela e poderase visitar a partir do 15.

SG37216“A Biblia Kennicott é  para nós o testemuño de que este territorio, no século XV, era moito máis plural do que pensamos. Dalgún xeito relacionámola co Reino de Galiza”, explica Gago a Sermos Galiza,  “porén, para os xudeus está relacionada con Sefarad”. Esta ambivalencia é un dos elementos que máis interesa ao director dunha mostra cuxo propósito confeso consiste en “fuxir do esencialismo e comprender a conformación da identidade nacional galega como algo dinámico e en relación coa súa contorna”.

Historia universal da Galiza

A idea de encher dous andares do Gaiás con máis de 300 pezas para pescudar na “cerna” do país, da prehistoria á actualidade, naceulle a Gago dunha lectura: Histoire mondiale de la France (2017), coordinada por Patrick Boucheron. “Este libro cuestiona o relato histórico autocentrado do século XIX”, di, “a partir de aí, nós propuxémonos entender como o exterior axudou a construír a idea da Galiza”. Galiza, un relato no mundo organízase en dous sectores principais. O primeiro abrangue “as entradas”, é dicir, as achegas e interaccións doutras culturas coa Galiza. O segundo, “as saídas”, as contribucións do país ao mundo. Para sintetizar esta historia xeral atravesada de pequenas historias, o seu comisario colocou obxectos “de alta e baixa cultura”, procedentes de moitas xeografías. “Queremos producir empatía dos visitantes con estas cousas, aínda que a miúdo non as coñezan”, sinala, “e ampliar o noso imaxinario referencial, o noso espazo común”. 

Cada bloque expositivo balízano os denominados “fitos”, pezas de especial relevo para a cultura galega “e tamén para outras”. Velaquí de novo a condición dialéctica da simboloxía. É o caso do Libro das Invasións, escrito no século XI e popular para as galegas “cando se lles fala de que nel aparece Breogán”. Á vez, é núcleo da mitoloxía fundacional de Irlanda. Ou de Exeria e a súa narración de viaxes redactada no século IV. “Nós tiñámola como a primeira escritora galega e pensabamos que o que conta era algo excéntrico. Agora a arqueoloxía está a validar o que escribiu”, expón Gago, “noutros lugares, Exeria é estudada desde o século XIX polo papel da muller no cristianismo ou pola transición entre o latín culto e o latín vulgar”. 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 372 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques] 

Comentarios