Nación estrearase en lingua galega na plataforma dixital Filmin

O filme estará dispoñíbel partir do 4 de febreiro na plataforma dixital.
Fotograma de 'Nación'. (Foto: NÓS Produtora Cinematográfica Galega)
photo_camera Fotograma de 'Nación'. (Foto: NÓS Produtora Cinematográfica Galega)

Nación, o filme dirixido pola cineasta Margarita Ledo Andión e producido por Nós, Produtora Cinematográfica Galega, continúa a súa andaina agora nas plataformas dixitais. A partir do 4 de febreiro  estará dispoñibel na plataforma dixital Filmin, segundo informan desde a produtora.

"Seguiremos en diferentes salas e festivais da man da distribuídora L´Atalante", aseguran nun comunicado que fixo chegar Nós, "mais agora tamén poderá verse desde as nosas casas en Versión Orixinal Galega (VOG) subtitulada desde a plataforma Filmin", engaden. 

Esta nova confirma a boa acollida que está a ter o proxecto no mercado cinematográfico e tamén no de contidos por internet.

"Desde a produtora non podemos estar máis ledos coa nova e animamos a quen non chegou a tempo ao cine aproveite agora" indican. 

Un traballo coroado polo éxito nas carteleiras

Nación, filme de non ficción que recibiu o premio á mellor dirección española no prestixioso Festival de Sevilla ou o Mestre Mateo ao mellor documental, estivo catro semanas seguidas nas carteleiras dos cinemas.

Tamén foi quen de proxectarse en festivais de latinoamérica, o festival de Toulouse ou de inaugurar a terceira edición do 'Ciclo de Cinema Galego-Portugués Mulleres, Patrimonios, Sociedade' da localidade portuguesa de Arcos de Valdevez. Ademais, percorreu toda a península e viaxou ao Reino Unido. 

Filmin é unha das plataformas dixitais que máis están apostando polos filmes en galego. En xullo de 2021 incorporou Reboiras. Acción e corazón, do director Alberte Mera, e xa tiña no seu catálogo obras como Trinta Lumes, de Diana Toucedo, Eroski Paraíso, de Jorge Coira e Xesús Ron, ou Dhogs, de Andrés Goteira.  

Comentarios