CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

O nacimento dunha nación, nas antípodas de David W. Griffith

nacementonacion1
photo_camera Un fotograma do filme

O NACEMENTO DUNHA NACIÓN

The Birth of a Nation

(EUA 2016, 120 min.)

Dirección: Nate Parker

Guión: Jean McGianni Celestin e Nate Parker

Fotografía: Elliot Davis

Música: Henry Jackman

Elenco: Nate Parker, Armie Hammer, Jackie Earle Haley, Penelope Ann Miller, Aja Naomi King, Gabrielle Union, Dwight Henry, Aunjanue Ellis, Chris Greene

SINOPSE

Trinta anos antes da Guerra de Secesión norteamericana, Nat Turner é un escravo atípico: sabe ler e escribir e tamén fai ás veces de predicador. Farto das inxustizas diarias sobre os seus semellantes, comeza a planear unha revolta contra a escravitude.

CRÍTICA

David W. Griffith dirixiu en 1915 O nacemento dunha nación, unha das primeiras superproducións da época e un dos primeiros escándalos da historia do cinema. Era un filme que narraba o “heroico” nacemento do Ku-Klux-Klan deixando os negros coma seres indignos e estúpidos. As protestas sociais non tardaron en producirse ao mesmo tempo que era un absoluto éxito na billeteira pois, aparte da polémica creada, cinematograficamente falando, era un prodixio de realización e montaxe para o que se vira até o momento, pois lembremos que o cinema estaba en cueiros daquela. Nunha sorte de xustiza poética, e con bastante ironía, Nate Parker (que produce, dirixe, escribe e protagoniza o filme) utiliza o mesmo título de Griffith para narrar a historia real dun negro que foi pioneiro na loita polos dereitos civís, antes incluso que comezara a Guerra de Secesión norteamericana. Xunto a Nate Parker (estrela absoluta da fita) aparecen rostros recoñecíbeis coma os de Armie Hammer (Operación U.N.C.L.E.), Jackie Earle Haley (Watchmen) ou Penelope Ann Miller (The Relic). A historia comeza cunha cita de Thomas Jefferson: “Tremo polo meu país cando penso que Deus é xusto, que a súa xustiza non pode durmir para sempre”. Toda unha declaración de intencións para unha trama que lembra poderosamente a outra moi parecida estreada o ano pasado: Os homes libres de Jones (2016, Gary Ross). Se naquela era un branco que lideraba unha revolta de escravos (interpretado por Matthew McConaughey), aquí o líder é un escravo negro. En ambas trátase ao líder coma un heroe patrio a reivindicar mais en O nacemento dunha nación semella que se pasaron un pouco de freada ao darlle a Nat Turner un aire moi similar a un Braveheart afroamericano con delirios místicos de Xoana de Arco. Un fraco favor a unha historia que podería ter transcendido moitísimo máis, pois conta con bos vimbios. O resultado é un filme históricamente ben adaptado que trata moi ben o tema racial e os dereitos civís, mais sobredimensionado en canto ao tratamento do heroe. Ademais anda sobrada en canto a transicións televisivas que acaban por achegala máis á serie Raíces que a filmes coma 12 anos de escravitude (2013, Steve McQueen) ou Django desencadeado (2012, Quentin Tarantino), dos que tamén bebe. Con todo O nacemento dunha nación é un filme moi apreciado nos circuítos independentes acadando, nada máis e nada menos, que o Premio do Público e o de Mellor Filme no pasado Festival de Sundance. Unha achega que coincide en carteleira con Figuras Ocultas (nomeada a 3 Óscars), Fences (con 4 nomeacións) e Moonlight (con 8). Un póker de filmes que tratan de fronte a lacra do racismo que oxalá non fora preciso salientar. Mágoa que nos toque vivir en tempos de involución humana...

Comentarios