Nace 'A píllara das dunas', unha revista con pasatempos para todas as idades

Da man do Concello de Carballo e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega.
Presentación da revista 'A píllara das dunas', en Carballo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Presentación da revista 'A píllara das dunas', en Carballo. (Foto: Nós Diario)

A píllara das dunas, un dos paxaros máis emblemáticos e ameazados dos areais galegos, vén de converterse nunha guía “excepcional para unha revista tamén excepcional, por pouco habitual, no noso panorama editorial". Así a describe a concelleira de Normalización Lingüística de Carballo, Maruxa Suárez, na introdución do caderno, que se presentou na pasada segunda feira nun acolledor patio da Biblioteca Rego da Balsa, en Carballo. A píllara das dunas, que nace da colaboración entre o Concello de Carballo e Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), é, xa que logo, unha "revista de pasatempos e lecer que combina os xogos de palabras cos numéricos e de lóxica, e todo centrado nas particularidades de Carballo”, engade. 

Trátase esta da primeira revista de pasatempos en galego editada por un Concello. Mais o enxeño que se agocha detrás de cada xogo é o de Xoán Costa, membro da AS-PG, quen tamén elabora os enredos que, diariamente, saen publicados en Nós Diario e, cada sábado, no Sermos Galiza.

“Quixemos facer unha actividade atractiva para o lecer”, comenta para Nós Diario Patricia Varela, presidenta da AS-PG, coa fin de “achegar o galego a todas as idades”, e “tivemos a sorte de poder contar con Xoán Costa, un grande experto en pasatempos”, comenta.

A revista A píllara das dunas, composta por unha boa variedade de pasatempos, que suman 43 páxinas, creouse coa finalidade de chegar a públicos de diferentes idades. 

Así, a propia píllara tórnase protagonista e vai presentando distintas probas, desde sopas de letras, nas que atopar outros animais cos que comparte hábitat, as 18 parroquias do Concello de Carballo até un misterioso labirinto que atravesa o castro de Cotomil.  

Por outra banda, este novo caderno tamén achega unha proposta interactiva, que permite ás lectoras e aos lectores escoitar o asubío de distintas aves ou a música de grupos locais a través de varios códigos QR, que enriquecen e achegan maior calidade á publicación. 

Puntos onde adquirir 'A píllara das dunas'

A revista A píllara das dunas está a repartirse de balde. Desde o Concello de Carballo contan con 2.000 exemplares que se poden solicitar, até a fin de existencias, na bibliopraia de Razo, nos postos de salvamento de Baldaio-Saíñas e Pedra do Sal, na Biblioteca Rego da Balsa mais na oficina de turismo do Museo de Bergantiños. "O que buscamos é que estea a disposición de todo o mundo", conclúe Varela.

Comentarios