Nace un novo proxecto cultural alternativo na antiga Sala Nasa: o Malatesta

O mítico local da Sala Nasa volve á vida logo de varios proxectos fallidos. Abrirá o 29 de outubro cun concerto de Banda Bassotti da man de xente nova vencellada ao mundo da noite e do espectáculo. 

salanasa-obras
photo_camera A sala Malatesta, en obras

Está a piques de nacer un novo proxecto cultural en Compostela que vai ocupar un espazo emblemático na cidade: o lugar da finada Sala Nasa en San Lourenzo. Trátase do Malatesta, a nova aposta de Xosé Grajal, Joseba Irazola e Catuxa Irago, vencellados respectivamente ao mundo da música, os negocios e a noite santiaguesa. 

As obras avanzan a bo ritmo e, se nada se torce, o 29 de outubro inaugurarán cun concerto dos italianos Banda Bassotti e outro grupo sorpresa. O seu obxectivo é, segundo Irazola, “recuperar un pouco o espírito da antiga Sala Nasa”, aínda que non gostan de que os retraten como os “herdeiros”. 

A prioridade será para os grupos galegos “e en galego”, apunta Irazola, aínda que tamén haberá presenza de artistas foráneos

O seu é un proxecto diferente: “A idea é que estea aberta os sete días da semana, con exposicións e programación propia máis cara á fin de semana, os domingos dedicados aos nenos...” Prometen concertos, seráns, teatro, proxeccións audiovisuais, clown... A prioridade será para os grupos galegos “e en galego”, apunta Irazola, aínda que tamén haberá presenza de artistas foráneos. Polo momento non queren adiantar máis da programación, xa que están centrados en levar as obras a bo porto. Dobre teito acústico, melloras na accesibilidade e no aspecto do local... 

Un lugar mítico

A Sala Nasa pechou en 2011 inmediatamente despois da victoria nas urnas de Conde Roa no Concello de Santiago. Así remataba unha historia de 19 anos nos que se consolidou como un referente imprescindible na cultura compostelá. Os seus promotores, Chévere (unha das mellores compañías de teatro independente da Península), recalaron ao ano seguinte como compañía residente no Auditorio da Ramallosa, no veciño Concello de Teo. 

Comentarios