“Na Galiza profunda sígome encontrando con Balbinos”

Neira Vilas atendía hai dous meses á escola A Semente e faláballe do galego e dos nenos e nenas, para quen tanto escribiu. VÍDEO NO INTERIOR

FOTO NEIRA 003
photo_camera Neira Vilas

Os nenos e nenas
“Os nenos o primeiro que hai que facer é respectalos. Hai unha tendencia é porque como é pequeniño a súa opinión non vale nada e non é así. Hai que respectar os nenos, de calquera idade que teñan, hai que respectalos sempre. Ademais, nesa cabeciña teñen cerebro que non ten experiencia vital aínda, pero pensa e razona e protesta tamén. Eles danse conta rapidamente quen os respecta e quen non. Iso é o primeiriño”. 

Balbino
“Vestirán un pouco mellor, comerán un pouco mellor, poñerán botas en vez de zocos, pero na Galiza profunda sígome encontrando con Balbinos”. E Manolitos? “Os Manolitos son adultos. Pero hainos, hainos. Acomplexados e ademais explotadores. Non é coma o caseiro, xa non hai caseiros, pero son os ricos. É un problema de clases. O enfrontamento de Balbino e Manolito é un problema que se inserta na loita de clases, entre o pobre e o rico, entre o explotador e o explotado. Iso é incuestionable”. 

"O enfrontamento de Balbino e Manolito é un problema que se inserta na loita de clases, entre o pobre e o rico, entre o explotador e o explotado. Iso é incuestionable”

Lingua
A nosa maestra dixo un día: “De aquí en adelante todo en castellano dentro y fuera de la escuela”, porque llo ordearan a ella. Ela camiñaba como un quilómetro e as nenas acompañábanas, collían unha floriña na cuneta, dábanlla, e deixaron de acompañala. A aquelas nenas dáballes vergoña que as visen na aldea falando castellano. Na escola había esa represión, total que os rapaces pensaban que falar galego era falar mal e falar castellano era falar ben. Sen embargo, nós, cando eu traballaba nas leiras, cando estabas na cabeceira da leira e pasaba alguén falando castellano, era sospeitoso, porque ía prender a alguén, ou embargar unha leira a algún veciño. Non era precisamente un bo sinal se oiamos falar castellano. 

O galego e o portugués
É unha loita para longo. É unha loita contra a ignorancia. Os prexuízos veñen de aí, da pura ignorancia. Eu até utilizo argumentos, cando vou aos colexios e aos institutos: “Mirade que en galego podedes falar cando ides polo mundo, podedes falar con moitos millóns de persoas, porque está Portugal, está Brasil, que é un país inmenso, coma tres Europas, están os países de África... todos falan galego. Portugués e galego é o mesmiño. A diferencia que hai á hora de falar entre un galego e un de Mozambique ou un brasileiro non é maior que entre un de Salamanca e un de México en castellano.

"A diferencia que hai á hora de falar entre un galego e un de Mozambique ou un brasileiro non é maior que entre un de Salamanca e un de México en castellano".

O galego e o futuro
Un rapaz rapaz, creo que en Pontedeume, preguntoume se o galego tiña futuro. E eu díxenlle: “Mira, o galego ten o valor do uso. Máis importante que todos os libros que publicamos é que o faledes. De maneira que terá valor, vixencia e futuro na medida que o utilicemos”.

"O mellor desde logo é empezar desde pequeniños como empezades vós. Que saiban que teñen un país, que ten un idioma, e o primeiriño é o quemamaron seus pais, que o usen desde pequenos". 

"Que coñezan a terra, que se encariñen con ella. Ese milagre, que non é ningún milagre, que é botar unha semente e que abrolle, esa marabilla, que a vaian percibindo e emocionándose con todo iso".

"Tamén lles digo que hai que ser humilde, hai que se modesto, non hai que sentirse por riba de ninguén. Sempre lle digo aos mozos aquela frase de José Martí: “Toda la gloria del mundo cabe en un grano de maíz”. 

Comentarios