Marta Lado, premio á mellor actriz no Festival de Toulouse

"Na Galiza hai arte porque hai identidade propia, temos cultura e un universo particular"

A actriz fisterrá Marta Lado vén de recibir o premio á mellor actriz no Festival Internacional de Cinema de Toulouse polo seu papel de Olalla en Sicixia, o último filme de Ignacio Vilar. Conversamos con ela sobre o recoñecemento e sobre a profesión, da que salienta que non é "fácil", sobre todo "para a confianza nunha mesma".

[Imaxe: Sicixia] Marta Lado, con Monti Castiñeiras, caracterizada como Olalla.
photo_camera [Imaxe: Sicixia] Marta Lado, con Monti Castiñeiras, caracterizada como Olalla.

Como recibiches a noticia do premio?

Pois con incredulidade absoluta! Chamoume o presidente do festival, presentouse e díxome que gañara o premio a mellor actriz, que se podería ir recollelo. Eu só fun capaz de emitir un "Como?", ao que el respondeu desculpándose polo seu español, crendo que non o entendera.

Que supuxo para ti ese recoñecemento?

Eu tendo a ser bastante esixente co meu traballo. As valoracións ás que estou afeita sempre son de xente máis ou menos próxima, polo que supoño que inflúen máis factores que o resultado do traballo en si. Que un xurado doutro país, especializado e con toda a experiencia posíbel no sector en que ti intentas desenvolverte, aprecie ese traballo e o valore como para premiarte resulta un pouco abrumador pero recoñezo que da ánimos e ganas de seguir aprendendo.

MARTA LADO 2A túa intervención, vía internet, na gala de entrega contivo unhas fermosas verbas sobre paisaxe e lingua. Que lle transmitiches ao público?

Pois non sei o que lle transmitín, porque a duras penas sei o que dixen. O que intentaba era explicar que é un orgullo que fóra recoñezan un traballo que en principio pode parecer bastante íntimo e incluso localista. A Costa da Morte ten unhas características moi particulares tanto na fala como no carácter e Olalla, a miña personaxe, é unha personalización desas características. Eu son das que pensa que no particular é onde se atopa a verdade e a verdade recoñécese en calquera parte do mundo, pero tamén creo que non é fácil conseguilo. O que sinto con este premio é que o conseguimos, por iso estou orgullosa e espero que transmitamos ganas de coñecer máis a Costa da Morte.

Como é a Olalla de Sicixia? Ten algo de parecido a Marta?

Ten moito, supoño. Case todas as personaxes que interpretamos teñen algo de nós, sobre todo as máis realistas. O mundo próximo en que se desenvolve Olalla é moi parecido ao meu, polo menos a unha parte. Aínda que o carácter non o sexa, puiden imaxinar con bastante claridade como viviría Olalla as situacións en que a puxemos.

"Ver que a túa maneira de entender o traballo pode funcionar confirma as ganas de seguir"

A túa participación en Vilamor valeuche ser candidata ao Goya á mellor actriz de reparto polo papel de Adela e agora recibes en Toulouse o premio á mellor actriz protagonista. Que supón para unha actriz que lle queda toda a vida por diante tales recoñecementos?

O de ser candidata aos Goya depende máis da produtora, eles propoñen e a Academia acepta ou non. O premio de Tolouse recoñezo que é importante para min, dáme ánimos. Non é unha profesión fácil, sobre todo para a confianza nunha mesma. Ver que a túa maneira de entender o traballo pode funcionar confirma as ganas de seguir.

Cal pensas que é o estado de saúde do audiovisual e da interpretación galega en xeral? De Toulouse, o cinema galego voltou co teu premio e co de No cow on the ice a mellor documental.

En Galiza hai arte porque hai identidade propia, temos cultura e un universo particular. Non dubido en absoluto da capacidade das persoas, aínda que a veces me sorprenda a dimensión que alcanza, porque o que si é necesario é o apoio institucional.

En que proxectos traballas agora?

Agora mesmo estou no Tartufo, a producción do CDG, e teremos xira até finais de decembro. Por outra banda, ando ás voltas con proxectos persoais de guión, que é a miña outra teima.

[Imaxes da actriz: Pedro Hermosilla]

Comentarios