'N.e.v.e.r.m.o.r.e.', o berro de Chévere contra a permanente catástrofe

'N.e.v.e.r.m.o.r.e.', o último espectáculo teatral de Chévere, fai seu o berro do famoso corvo do poema de Poe para trazar un paralelismo entre a catástrofe do 'Prestige' e a pandemia da Covid-19. Unha obra que sitúa a memoria colectiva no centro para loitar contra esta "cultura do petróleo" que nos impide ver alén da catástrofe.
Escena de 'N.e.v.e.r.m.o.r.e.', o último espectáculo teatral de Chévere. (Foto: Tino Viz / Chévere).
photo_camera Escena de 'N.e.v.e.r.m.o.r.e.', o último espectáculo teatral de Chévere. (Foto: Tino Viz / Chévere).

“Tell me what thy lordly name is on the Night’s Plutonian shore! / Quoth the Raven “Nevermore.” (“Dime cal é o arrogante nome que tes no escuro inframundo! / E o Corvo dixo: “Nuncamáis.”). Os versos que Edgar Allan Poe escribiu a lume en "The Raven" ("O Corvo") érguense como lugar común en N.e.v.e.r.m.o.r.e., o último espectáculo teatral de Chévere. Unha obra que parte do berro do famoso corvo para marcar un paralelismo entre a pasada desfeita do Prestige e a actual pandemia da Covid-19, ao tempo que debuxa un mundo habitado "permanentemente na catástrofe”. 

“Empezamos a idear este traballo en marzo de 2020”, adiantan desde Chévere, “cando a chegada dun virus demostrou que todo pode mudar”. “Un ano despois comprobamos o enorme esforzo que se está facendo para que todo volva ser como antes. E o fácil que é deixarse convencer outra vez. Así que decidimos contar unha historia para non esquecer tan facilmente que as cousas poden ser doutro xeito". E chamáronlle N.e.v.e.r.m.o.r.e.

Realizada en coprodución co Centro Dramático Nacional (CDN) co apoio da Agadic-Xunta de Galiza e a colaboración do Auditorio de Galiza e o Concello de Compostela, N.e.v.e.r.m.o.r.e. vén de estrearse no Teatro María Guerrero, en Madrid, con Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Manuel Cortés, Mónica García, Arantza Villar e Borja Fernández, en escena, e Xesús Ron, ao cargo da dirección e dramaturxia. 

Facer teatro desde a memoria colectiva 

Desde Chévere levan tempo centrando moitos dos seus traballos na memoria, "nesa zona fronteiriza, de roce, entre o que é a memoria persoal, que temos cada un de nós, e a memoria colectiva, da comunidade na que nos incluímos”, conta o seu director, Xesús Ron, para Nós Diario. É o caso de obras como Curva España ou Eroski Paraíso, por exemplo. Nese camiño de traballar sobre a memoria sentiron, “desde hai tempo”, que non podían obviar a historia do Prestige “porque nos deixou unha marca persoal e porque estivemos moi implicados como sociedade”, explica.  

Mais á hora de abordar unha temática que parte da memoria "procuramos non facer un exercicio de nostalxia", conta para Nós, senón sendo conscientes "de que traballamos desde o agora".

N.e.v.e.r.m.o.r.e. defínese como “unha forma de acudir á memoria colectiva dun deses pobos que se poden borrar do mapa sen que pase nada". Narrar esta historia é como “un conxuro para desfacer o feitizo” que segue a rodear “a catástrofe do Prestige, convertida nunha metáfora estrañamente perfecta desa cultura do petróleo que nos impide ver que hai máis alá da catástrofe, como se non puidésemos habitar outro lugar que non sexa ese. Como se non fose posíbel encontrar un rinoceronte gris dentro dunha caixa negra”.

Do chapapote á covid-19: un acto de escoita colectiva

“Cando nos enfrontamos á documentación” que hai sobre o Prestige, explicaba Xesús Ron durante a presentación da peza, sobre todo á usada no xuízo, "vimos que as probas que nos conectan cos feitos son sonoras, son as gravacións que se fixeron durante o operativo”. Botando man dese material, o espectáculo convértese “nun acto de escoita colectiva”.

Após ese proceso de exploración de ambas as situacións, e desde o hoxe, "a reflexión que podemos compartir a través do espectáculo" é que fomos vivindo unha serie de catástrofes "que se relacionaban co petróleo, cunha explotación dos recursos do planeta, que marcou e definiu o noso modo de vida", valora Xesús Ron. E esa relación cos recursos fósiles "tiña unha parte que era acostumarse a vivir coa catástrofe", con esas habituais series de mareas negras, co ver as praias sempre con chapapote. Normalizárase a relación con estas desfeitas "até que veu o Prestige". 

Agora mesmo, coa chegada dun coronavirus que provocou unha absoluta mudanza nas nosas vidas, unha situación quizais máis difícil de normalizar, "agora mesmo hai que romper esa relación de normalidade coa catástrofe porque o tempo acábasenos e o planeta asfíxiase", di. Mais a resposta que houbo ao Prestige por parte da sociedade "sería moi útil hoxe", lembra Xesús Ron, "neste mundo tan polarizado, tan individualizado, onde nos tocamos tan pouco". "Dalgunha maneira estamos dicindo que naquel momento non foi peor porque nos xuntamos todos, porque apostamos polo colectivo, creamos unha serie de coidados, de solidariedade, de acción, que hoxe sería moi útil". E engade: "É un grazas a permanecer xuntos puidemos afrontar mellor un problema tan gordo".

Próximas actuacións

Durante a presentación da obra, a actriz Patricia de Lorenzo reiterou “o pracer de volver cun equipo grande”, tanto enriba do palco como ao seu carón, para poder levar a escena un “teatro como este”, no que xogan coa maquinaria e o escenario que teñen ao seu dispor. "Formamos un equipo relativamente grande para os tempos que temos, pero ademais ao redor dese elenco hai moitísimas máis persoas", explica Xesús Ron para Nós. "Aproveitamos a oportunidade que nos ofrecía o CND", engade, para facer algo diferente.

Após recalar no María Guerrero, N.e.v.e.r.m.o.r.e. emprenderá unha xira por diferentes teatros. Na Galiza, a obra poderase ver exclusivamente, por cuestións de montaxe, en Compostela, Lugo, Ferrol, Vilagarcía, Pontevedra, Vigo, Coruña, Narón e Ourense.
 

Máis Chévere alén das funcións

N.e.v.e.r.m.o.r.e. chegou a Madrid acompañada de dúas actividades complementarias. A primeira delas, o faladoiro Carta Blanca sobre (marea) negra, coa participación da investigadora María Bella, a artista Viki Rivadulla e o escritor e xornalista Manuel Rivas. A segunda das actividades enmárcase no Cinedrama, unhas sesións de cineforum organizadas conxuntamente polo Centro Dramático e a Academia de Cine ao redor do espectáculo Eroski Paraíso. Esta mesa desenvolveuse este 20 de setembro e contou coa proxección do filme do mesmo nome, seguido por outro faladoiro no que participaron Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo e Xesús Ron, moderado por Alfredo Sanzol.

Comentarios