CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

"Mustang", cinco mozas turcas na procura de liberdade

O noso crítico de cabeceira proponnos unha viaxe a Turquía, o Estado socio da UE no tráfego das persoas refuxiadas. Unha viaxe para coñecermos a opresión do patriarcado sobre as mulleres -nomeadamente as mozas- nese país.

mustang2
photo_camera Un fotograma do filme

MUSTANG

(Turquía-Francia-Alemania 2015, 97 min.)

Dirección: Deniz Gamze Ergüven

Guión: Deniz Gamze Ergüven e Alice Winocour

Fotografía: David Chizallet e Ersin Gok

Música: Warren Ellis

Elenco: Günes Sensoy, Doga Zeynep Doguslu, Tugba Sunguroglu, Elit Iscan, Ilayda Akdogan, Nihal G. Koldas, Ayberk Pekcan, Erol Afsin

SINOPSE

Cinco irmás, de idades comprendidas entre 12 e 16 anos, son reprendidas tras ser vistas xogando nas praias dunha pequena vila do norte de Turquía. Toda a xente da vila comeza a murmurar sobre a decencia de tales xogos que elas tiñan como inocentes. Tras o incidente son pechadas na súa propia casa fóra de todo estímulo exterior.

CRÍTICA

“Aspirar á liberdade”, así define a directora turca Deniz Gamze Ergüven a súa primeira longametraxe. Unha historia escrita a catro mans xunto coa tamén directora e guionista Alice Winocour. Un guión ao que Ergüven aporta detalles autobiográficos da súa propia infancia para describir o que significa ser muller en Turquía. Remata o curso escolar nunha pequena vila turca. Cinco irmás adolescentes festexan alegres e despreocupadas o comezo das vacacións de verán á beira do Mar Negro xunto cos seus compañeiros de escola. A auga e a area mestúranse con divertidos xogos que son mal vistos por unha veciñanza de mirada sucia ancorada en arcaicas tradicións machistas. Tras unha disputa familiar quedan pechadas na súa propia casa para seren educadas como futuras esposas exemplares afastadas de todo estímulo que invite á perversión para que non sucumban aos praceres da carne e así manter intacta a súa honra até o día da voda. Matrimonios concertados, claro. O título vén a conto do nome que se lles dá aos cabalos salvaxes do norte de América: as irmás son “vendidas” coma gando cabalar aos futuros maridos, mais elas son espíritos salvaxes, ao igual que os “mustang”, e non se van deixar domar tan facilmente nin sucumbirán, sen loita previa, a un destino imposto contra a súa vontade.

O quinteto de actrices principais transmite unha enorme vitalidade, afouteza, beleza indómita e extrema madurez a pesar da súa tenra xuventude

A historia está narrada con voz en off a través do punto de vista da máis pequena. Isto dálle un cariz máis inocente, mais tamén máis inconformista e insubmiso debido ao marcado carácter rebelde da cativa. Acertado casting, sobre todo no quinteto de actrices principais. Transmiten unha enorme vitalidade, afouteza, beleza indómita e extrema madurez a pesar da súa tenra xuventude. Ao principio da fita todo está inundado por unha ampla luminosidade, pero progresivamente vai mudando en escuridade a medida que avanza a historia e se vai impoñendo o pesimismo. Bon ritmo e un guión con pingas de humor que farán máis dixeríbel este drama con certas reminiscencias ao filme de Sofia Coppola As virxes suicidas. Un extraordinario debut no que a cineasta busca denunciar a rixidez da sociedade do seu país. Unha sociedade reprimida e hipócrita inimiga do pluralismo e da diversidade que se escuda no mantemento da cultura ancestral para seguir impoñendo un tipo de comportamento desfasado que atenta contra a liberdade do individuo e, máis concretamente, contra a liberdade da muller. Aparte de sendas nomeacións aos Globos de Ouro e aos Óscar na categoría de Mellor Filme Estranxeiro Mustang acumula, entre outros, a Espiga de Prata na Seminci, Goya a Mellor Filme Europeo, Mellor Ópera Prima nos Premios do Cinema Europeo, así coma un meritorio 8,41 de nota media no Cineuropa Compostela que avalan, sen dúbida, un dos mellores filmes do ano pasado. Mágoa que teña tan pouca distribución en salas.

Comentarios