Músicos e grupos corais urxen medidas adaptadas para paliar o seu "desconcerto"

O colectivo de músicas e agrupacións corais reivindica un cambio nos protocolos de seguridade e de prevención fronte a Covid-19 que garanta a continuidade da súa actividade social e musical. As restricións que impoñen as medidas da Xunta son ambiguas e comprometen tanto a súa axenda como o seu futuro económico
Coro da Ra
photo_camera Coro da Ra.

Entre a confusión e a incerteza. Así retomaron a súa actividade os músicos e as formacións vocais da Galiza após o confinamento, sabedores de que nin os ensaios nin as actuacións se ían poder dar nas mesmas condicións que antes. Mais a última resolución da Consellaría de Sanidade sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola Covid-19 acabou de enredar un regreso que xa se facía complicado.

Segundo denunciou a Federación Coral Galega (Fecoga) e remarcou a asociación profesional Músicas ao Vivo nun comunicado, as medidas acordadas pola Xunta "difiren da realidade do noso traballo" ao non considerar as "particularidades técnicas da execución de cada familia de instrumentos, as necesidades obrigadas de orquestración en moitas das obras musicais e as casuísticas en xeral que se dan nos escenarios segundo os diferentes estilos e formacións".

Os coros máis numerosos non dispoñen de espazos para levar a cabo os ensaios e vense na necesidade de organizalos por cordas.

Un dos colectivos máis afectados é o dos coros. Láiase de ser o único ao que se lle impoñen as mesmas condicións para ensaiar e para cantar. En ambos os casos deben cumprir co uso obrigatorio da máscara respectando a distancia de seguridade que estabelece a norma. 

"Os coros máis numerosos non dispoñen de espazos para levar a cabo os ensaios e vense na necesidade de organizalos por cordas", apunta o presidente de Fecoga, Antonio Rey. Ademais de incómodo, este protocolo limita a calidade dos ensaios e a proxección da voz, que tamén se ve afectada durante os concertos.

"É moi difícil cantar con máscara", salienta Ramón Bermejo, director do Coro da Ra, "sobre todo cantar sen amplificación" como foi o caso da única actuación que celebrou a súa formación após o confinamento. "Acudimos ás festas de San Pedro, en Compostela, e ao ser ao aire libre, optamos polas pantallas de plástico, pero o certo é que as condicións que se impoñen son extremas e só se entenden desde o descoñecemento absoluto de quen as promoveu", engade Ramón Bermejo.

As condicións que se impoñen son extremas e só se entenden desde o descoñecemento absoluto.

Neste sentido, desde Fecoga apuntan un agravio comparativo, xa que en calquera outra formación distinta aos coros, as cantantes solistas poden actuar sen máscara. "Non nos parece lóxica esta diferenciación", que compromete, din, a súa posíbel contratación.

Fóra das igrexas

Así, inciden noutra das prohibicións que máis acusan as agrupacións vocais: a imposibilidade de actuar en actos relixiosos en espazos de culto. "O impedimento de actuar en cerimonias relixiosas corta de raíz unha das actividades fundamentais dos coros, máis cando nas igrexas existe un lugar apartado da xente que se chama coro que o converte nun espazo ideal para cantar sen risco ningún", salienta o director do Coro da Ra.

A Federación Coral da Galiza asegura estar "moi enfadada" con esta restrición que limita os ingresos das agrupacións vocais e pon en perigo a súa supervivencia económica, mais tamén toda a actividade social e cultural que desenvolven os coros. "Son espazos de encontro imprescindíbeis, cunha compoñente psicolóxica moi importante, sobre todo para as persoas maiores que integran os coros, afirma Antonio Rey.

Revisión da normativa

O colectivo de músicos e coros reclama unha revisión da normativa para facer compatíbel a súa actividade musical coas medidas de prevención. "Non poden estar tan afastadas da realidade", censura MJ Pérez, voceira de Músicas ao Vivo. "Nós queremos cumprir cos protocolos de prevención, mais tamén seguir desempeñando o noso traballo en todos os casos. Por iso exiximos un protocolo claro, sen ambigüidades, nin dobres interpretacións, que se axuste á realidade de todas as profesionais da música".

"Nós retomamos os ensaios no xardín da miña casa", di Bermejo. "O local que usamos non nos permite respectar a distancia de seguridade, aínda que poderiamos subir a un autobús e ensaiar durante a viaxe", asegura, para sinalar a falta de coherencia. Por iso urxen paliar o temor e o desconcerto no que se atopan. "A semana que vén contamos entregarlle á Consellaría un memorando" que acelere un cambio, apuntan desde Fecoga. 

Máis de 10.000 cantantes vocais 

A Federación Coral Galega (Fecoga) conta con 253 coros rexistrados, 17 infantís e xuvenís. Representa máis de 8.000 persoas. Mais o colectivo recoñece que hai moitas formacións, e cantantes sen federar, polo que o número de afectadas pode chegar a superar as 10.000. "Son persoas que agora mesmo ven a súa actividade en perigo", sinala Ramón Bermejo, non só musical.

"Os coros representan tamén unha forma de encontro social moi importante para moita xente, sobre todo para xente maior". "Somos un colectivo moi numeroso", engade Antonio Rey, "polo que temos forza suficiente para proporlle á Consellaría de Sanidade unha serie de cambios adaptados á realidade dos coros e dos grupos corais que garanta o futuro das nosas formacións e da música ao vivo".

Comentarios